Onte rematou a última campaña, por este ano, do castro da Punta do Sarridal, promovida polo concello de Cedeira. Trátase dun dos xacementos que ten ofrecido algunhas das máis monumentais estruturas localizadas nos castros nos últimos anos. Entre eles, un enigmático edificio de época tardorromana que os arqueólogos remataron de consolidar. Os arqueólogos de Axa Arqueoloxía están a investigar o sentido deste edificio e os seus posibles paralelos con exemplos asturianos.
Case mil anos de ocupación deixan moitos restos nun lugar. Quen hoxe se achegue ao castro da Punta do Sarridal (Cedeira), poderá ver estruturas que pertencen a unha secuencia que se remonta ao século IV a.C. e que chega cando menos ata o século IV a.C. Entre elas unha sauna galaica en bo estado de conservación e que foi empregada xa ata ben entrada a época romana, no século II d.C.
Nese dilatado intervalo, a última sorpresa foi unha estrutura que acaba de ser consolidada nesta última campaña e que a partir de agora pasará a formar parte dos recursos visitables deste xacemento ubicado nun promontorio sobre a Costa Ártabra e moi preto do casco urbano cedeirés. Trátase dun gran edificio que, malia ter sido arrasado por un intensivo traballo agrícola, aínda conserva unhas grandes dimensións. Segundo Emilio Ramil, arqueólogo de Axa Arqueoloxía, trátase dunha construción de "estrutura de cabeceira absidal" que presenta unha serie de características singulares. "Non é doméstica, é moi grande e o seu pavimento interior é un opus signinum moi coidado", sinala Ramil. O opus signinum era unha preparación do solo a base de anacos de tella e cerámica apisonada e compactada. Para Ramil, a cronoloxía é clara: "por agora sabémolo por achados cerámicos moi claros: sigillata hispánica tardía do século IV".
Pero o que resulta singular desta estrutura de cabeceira absidal é que se atopa tamén nun lugar especial: diante da monumental porta do castro e ao carón dunha das saunas galaicas mellor conservadas do norte peninsular. "Pode que coexistiran durante un breve período de tempo, pero son de dous momentos distintos. A sauna foi construída durante a Idade do Ferro e durou ata o século II d.C. Sabémolo por unha moeda que apareceu alí, moi ben contextualizada arqueoloxicamente", explica Ramil, "pero o edificio de cabeceira absidal é posterior e, pendentes de afinar máis a cronoloxía con outras datacións, foi erguido a partir deses momentos".
O castro da Punta do Sarridal comeza a súa ocupación ao redor do século IV a.C., en plena Idade do Ferro. Como é habitual en sitios arqueolóxicos de longa duración, as estruturas superpóñense as unhas sobre as outras e, no caso desta estrutura de cabeceira absidal, os arqueólogos atoparon un alxibe "que poida que teña que ver co momento castrexo" e unha canalización que se cadra estea relacionada coa inmediata sauna.
O edificio (esquerda), a sauna (centro) e a muralla (á dereita). Foto: AXA / Concello de Cedeira
Porque un dos aspectos máis interesantes dos achados é como este edificio está construído ao carón da sauna e á súa vez os dous enfronte dunha porta monumental de acceso ao castro, pechando un espazo aberto fronte á entrada. A localización dos dous edificios singulares ao carón da porta é moi rechamante pero ten paralelos ao leste. O arqueólogo Ángel Villa ten sinalado a presenza destas singulares áreas públicas nos castros asturianos que exerceron como capitalidades de pequenos territorios en época romana, coma o Chao Sanmartín ou o castro de Coaña. Neles repítese, case como nun deseño de arquitecto, a mesma disposición de elementos: unha porta monumental de entrada ao castro, a sauna, e unha estrutura rectangular moi grande que non ten un uso doméstico. "Ángel Villa chamoume", sinala Emilio Ramil, " e estamos dándolle voltas. Evidentemente, o edificio ten unha función que non é para nada doméstica, e que é evidentemente social, política ou relixiosa". Pode ser o conxunto de estruturas localizadas no Sarridal unha área pública iniciada en época galaica coa sauna e que continuou activa, a través deste edificio, case ata a fin do Imperio romano?
Portas, saunas e foros nos castros do occidente asturiano. Fonte: VILLA VALDÉS, A. (2007) "Mil años de poblados fortificados en Asturias" in Astures y romanos: Nuevas perspectivas. Oviedo, Real Instituto de Estudios Asturianos.
A monumentalidade do espazo e os cambios que viviu en época romana acentúanse tamén na entrada do castro. Alí os arqueólogos escavaron un enorme torreón que protexe a porta con rebancos de cimentación e unha serie de estruturas que se van superpoñendo ata a última calzada de acceso ao castro. "Pero o torreón é posterior á construción do propio foxo", recalca Ramil, "é de época galaicorromana. Pódese ver a rocha cortada do foxo en forma de V e como a muralla está cimentada sobre el". Ramil confía en estender as intervencións en vindeiras campañas cara ese foxo, para tentar comprender que sucede con todas esas estruturas e que poden contar sobre a evolución do poboado fortificado.
O torreón de época galaicorromana.
Os datos sinalan que o castro non só non morreu en época romana, senón que adquiriu unha nova monumentalidade. Os seus habitantes, con todo, mantiveron en uso antigos espazos e lugares que para eles debían estar cargados de simbolismo. E esa memoria chegou ata os últimos momentos do Imperio.