Anxo Mena álzase co XXXIV Premio de Poesía Pérez Parallé

Andrea Fernández Maneiro impúxose no Illas Sisargas de Poesía Erótica

O poemario Alimentar canarios con ovos da casa valeulle a Anxo Mena facerse co Premio Nacional de Poesía Pérez Parallé. O xurado do galardón seleccionou esta obra entre as 57 que se presentaron ao certame para recibir os 3.000 euros en metálico do premio. A obra sairá publicada na editorial Espiral Maior. O xurado do galardón, que se entregará o vindeiro 20 de novembro nunha gala no Círculo Mercantil e Industrial-Unidade de Fene, estivo formado por Inma Otero Varela, Ramiro Torres e Regina Touceda.


Pola súa banda, Andrea Fernández Maneiro foi seleccionada como gañadora do XVI Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas. A Asociación Cultural Caldeión deu a coñecer o fallo do premio no transcurso da Cea das Letras que se celebrou en Malpica este 13 de novembro. A obra Edénicas foi seleccionada polo "seu sutil erotismo e a súa luz poética”. A gañadora levou unha peza de olaría de Buño como agasallo.