Lois Cid faise co IX Premio Galicia de Fotografía Contemporánea

Unha exposición da serie Estruturas de fusión poderá verse por todo o país

| Santiago. Redacción | Seccións: Arte
Compartir:
Cartel da exposición Estructuras de Fusión de Lois Cid.

Cartel da exposición Estructuras de Fusión de Lois Cid.

O xurado do IX Premio Galicia de Fotografía Contemporánea deu a coñecer na noite deste 10 de outubro o fallo deste galardón. O ourensán Lois Cid, nado en 1993, foi seleccionado como gañador pola súa serie Estruturas de fusión, da que se fará unha exposición monográfica que percorrerá todo o país. Ademais, publicarase un libro que recolla o traballo deste autor.

Na serie gañadora, que se puido ver en parte na galería coruñesa Monty4 co comisariado de Valle Arquitectura, Cid céntrase na "análise dos materiais cos que o ser humano transforma o terreo, a estudar a súa implicación na creación e modificación da paisaxe contemporánea". Retratos de espazos construídos e en construción, demolición ou abandono mestúranse con pequenas intervencións sobre o territorio do propio gañador que "suxiren unha forma de construír a paisaxe ao xeito de J. Beuys, sobre territorios maltratados", explicaba a presentación de Monty4. As fotografías do autor "son relatos que suxiren enigmas, non explicables, que teñen que interpretar quen os le e olla para contribuír a dar contido á construción de cada episodio".

Imaxe da serie Estruturas de fusión. Fonte: Outono Fotográfico.
Imaxe da serie Estruturas de fusión. Fonte: Outono Fotográfico.

Canda a Cid, o xurado declarou como finalistas desta xeira do galardón a Ana Alvarez-Errecalde, David Salcedo, Ire Lenes e Laure Mojo. O comité de selección estivo composto por Estefânia R. de Almeida, Iñaki Martinez Antelo, Jon Gorospe, Ofelia Cardo, Encarna Lago González, Xosé Lois Vázquez e Vítor Nieves. O Premio Galicia de Fotografía Contemporánea está organizado polo Festival Outono Fotográfico, a Deputación de Lugo e a Consellería de Cultura.

Que che parece esta nova?
67 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Axuda a difundir a cultura galega

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Fotografía, Outono Fotográfico, Paisaxe, Xosé Lois Vázquez...