
No museo poderán verse obxectos artísticos e cotiáns doados por María de las Nieves Quiroga y Pardo Bazán, filla da autora, e María Esteban-Collantes y Sandoval, irmá da nora de Emilia Pardo Bazán. Entre os legados da filla poden contemplarse retratos da autora feitos por Xesús Corredoyra en 1915 e por Joaquín Vaamonde en 1896, un conxunto de 215 moedas que abranguen desde o período romano ata o século XIX, e obxectos persoais como unha pluma, un misal e unha escribanía, entre outros. Pola súa banda, María Esteban-Collantes y Sandoval deixoulle no seu testamento ao museo obras vencelladas a Emilia Pardo Bazán, como un tapiz dos séculos XVI-XVII e un retrato feito por Vaamonde en 1897 á condesa de Torre de Cela, nora da escritora. A instalación complétase con outros fondos da propia colección do Museo, que permiten recrear o que foi a vida coruñesa da época da célebre escritora e os ambientes e personaxes que tiñan relación con dona Emilia.