Luar na Lubre recollerá o Premio Ramón Piñeiro, Facer País

A Asociación Val de Láncara recupera o seu galardón logo dun ano de pausa

A Asociación Val de Láncara recupera o seu galardón logo dun ano de pausa
Imaxe dun concerto de Luar na Lubre. Fonte: Facebook do grupo.
Despois dun ano de pausa por mor da pandemia de Covid-19, a Asociación Cultural Val de Láncara deu a coñecer este 11 de outubro o fallo do XIX Premio Ramón Piñeiro, Facer País. O galardón que recoñece "o labor realizado ao longo do tempo por persoas ou entidades a prol da lingua e da cultura galega" foi nesta xeira para o grupo musical Luar na Lubre. Segundo apuntou a organización, a banda que lidera Bieito Romero foi escolleita polo súa longa traxectoria e o seu traballo de difusión a nosa lingua e tradición musical entre 15 candidaturas propostas por persoas e colectivos da zona de Láncara.

Os membros da formación destacaron sentirse "moi contentos e honrados de ser recoñecidos" con este galardón, que recollerán nun acto previsto para o vindeiro 20 de novembro. Segundo destacou Bieito Romero, o feito de ser un galardón que xorde de asociacións culturais de base fai que o Facer País teña "un significado que vai máis alá do simple feito dun premio convencional". Xurxo Souto, gañador da última edición, será quen faga entrega do recoñecemento.