A Asociación Xermolos leva o XVI premio Ramón Piñeiro 'Facer País'

O galardón entregarase o vindeiro 11 de novembro en Láncara

| Santiago. Redacción | Seccións: Sociedade
Compartir:
A Asociación Xermolos leva o XVI premio Ramón Piñeiro 'Facer País'

O Consello da Cultura Galega acollía esta mañá a presentación do décimosexto premio Ramón Piñeiro "Facer País", que outorga a Asociación Cultural Val de Láncara. Carlos López Sierra e Manuel Fernández Arrojo, como representantes deste colectivo e mais Darío Piñeiro, alcalde de Láncara, deron a coñecer o fallo deste galardón, que recoñece anualmente "o traballo continuado a prol da lingua e da cultura galegas de persoas ou entidades de Galicia". Nesta ocasión foi a Asociación Xermolos de Guitiriz a recoñecida con esta homenaxe. Os responsables do galardón salientaron o importante papel que neste colectivo desempeña o crego Alfonso Vázquez Torrado, ao que consideran "catalizador insubstituíble" da asociación.

O fallo valorou os méritos "dunha asociación pioneira", con máis de 40 anos, que ao longo da súa traxectoria "foi quen de ter sempre presente a lingua galega e a súa cultura e patrimonio para compartila co pobo que a creou" e cita as múltiples publicacións da entidade ou iniciativas como Festival de Pardiñas entre os seus méritos. A entrega do galardón realizarase o vindeiro 11 de novembro en Láncara. O gañador do premio Ramón Piñeiro, que non ten dotación económica, é escollido por unha vintena de asociacións culturais das comarcas de Láncara, Sarria e O Corgo.

Que che parece esta nova?
98 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Ramón Piñeiro, Asociación Xermolos, Carlos López, Consello da Cultura Galega...