O Hub Audiovisual concede a súa primeira axuda para a rodaxe da serie 'Rapa'

A serie comezou a súa gravación nas zonas de Cedeira e Ferrol

A serie comezou a súa gravación nas zonas de Cedeira e Ferrol
Acto de presentación da rodaxe. Foto: Portocabo
O comezo da rodaxe da serie 'Rapa', producida por Movistar + xunto á empresa galega Portocabo, coincide coa resolución por parte da Xunta da concesión dunha axuda de 300.000 euros a este proxecto, que se converte así no primeiro adxudicatario da liña para a atracción de rodaxes do novo Hub Audiovisual da Industria Cultural. A presentación de inicio da rodaxe, que se levará a cabo nas zonas de Cedeira, Ferrol e a Serra da Capelada contou coa presenza do conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, así como do Delegado do Goberno en Galicia, José Miñones. 'Rapa' é unha trama creada por Pepe Coira e Fran Araújo e dirixida por Jorge Coira, con Alfonso Blanco na produción executiva, os actores Javier Cámara e Mónica López encabezan o reparto desta intriga de seis episodios de 50 minutos con estrea prevista en 2022.

O representante da Xunta de Galicia situou este proxecto como o primeiro de moitos outros que poderán ser realidade ao abeiro do Hub Audiovisual e da súa convocatoria de concorrencia non competitiva. Como Portocabo, as beneficiarias deste fondo para a captación de rodaxes deben ser empresas audiovisuais galegas que leven a cabo proxectos xunto con produtoras, canles de televisión e plataformas de fóra de Galicia, ben en calidade de coprodutoras, ben como provedoras de servizos. Un dos principais requisitos consiste na realización dun gasto mínimo en Galicia −1M€ para longas cinematográficas de ficción e animación e 1,5 M€ para as series de ficción−, que no caso da subvención a 'Rapa' implica un gasto comprometido superior aos 3M€ a raíz da súa rodaxe na nosa Comunidade.