Imaxe do primeiro capítulo de Néboa / TVE
A néboa galega chegou onte a Madrid coa serie de televisión dese mesmo nome producida por Voz Audiovisual para TVE e que se comezará a emitir este mércores na canle pública. A presentación comezou xa de mañá na sede da Xunta, a Casa de Galicia, onde se fixo a preestrea do primeiro capítulo coa presencia do equipo técnico, artístico e de produción. Ä noite fíxose a posta de longo con alfombra vermella á que acudiron moitas caras do audiovisual galego. Néboa é unha serie de intriga gravada na costa de Ortegal na que a presenza galega non radica só na localización e en gran parte do seu equipo artístico e de produción senón tamén no uso da mitoloxía e as crenzas populares da nosa terra arredor do entroido como contexto dunha trama criminal. Gonzalo López Gallego dirixe esta produción na que conta cun reparto coral encabezado polas actrices Emma Suárez e Isabel Naveira no que tamén teñen importantes papeis Alba Galocha, Antonio Durán “Morris”, María Vázquez, Nancho Novo, Xabier Deive, Denisse Peña, Santi Prego, Alfonso Agra e Denís Gómez, entre outros. A ministra de Traballo, Yolanda Díaz, o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, o presidente de Agadic, Jacobo Sutil apoiaron coa súa presenza esta presentación na que tamén estiveron moitas outras cara coñecidas do audiovisual e a escena teatral galega.
En oito capítulos que se desenvolven en oito xornadas da ficción, desenvólvese unha historia que ten como epicentro a illa de Néboa, un paraxe ficcional da costa norte de Galicia. Alí, no primeiro día de entroido, aparece en estrañas circunstancias unha rapaza asasinada e o caso conéctase con outros anteriores desde cen anos atrás. Emma Suárez encarna a unha inspectora que chega á illa para dirixir coa Garda Civil local o equipo que investiga estes estraños crimes e atópase cunha atmosfera opaca e misteriosa, na que a superstición e a mitoloxía xogan un papel determinante arredor do crime. Segundo os antecedentes de crimes anteriores na illa, que comezaron un século atrás, ao primeiro asasinato seguirán outros e as investigadores están decididas a impedilo. O porto do Barqueiro e a zona de Ortegal acolleron durante catro meses a rodaxe desta serie que mañá se estreará na principal canle pública do Estado ás 22.40 horas.



