Premio ' Mulleres no Foco' para Margarita Ledo, Noemí Chantada e Sonia Méndez

Os galardóns da Deputación de Pontevedra buscan visibilizar a achega das mulleres no audiovisual

Os galardóns da Deputación de Pontevedra buscan visibilizar a achega das mulleres no audiovisual
Entrega dos premios. Fonte: Deputación de Pontevedra
Nunha gran gala retransmitida en streaming e ao máis puro estilo cinematográfico no Auditorio Centro Social Afundación de Vigo, a Deputación de Pontevedra e a Asociación de Mulleres Cineastas e de Medios Audiovisuais (CIMA) fixeron entrega dos I Premios "Mulleres no Foco", que naceron para poñer en valor o traballo feminino no sector que aínda permanece invisibilizado. As cineastas Margarita Ledo, Sonia Méndez Alonso e Noemí Chantada convertéronse nas tres primeiras galardoadas por un xurado profesional de entre un total de 14 profesionais nomeadas. As premiadas recibiron de mans de Carmela Silva, a actriz Uxía Blanco e a produtora Chelo Loureiro, respectivamente, o premio deseñado pola artista Pilar Alonso.





Amais das tres galardoadas, foron recoñecidas as tamén nomeadas Araceli Gonda (guionista), Belén Montero (técnica, editora, montadora e guionista); Eire García (guionista e directora); Lucía Estévez (directora); María Isabel Martínez (produtora); Manane Rodríguez (produtora, directora e guionista); María Moldes (fotógrafa); Paula Cons (produtora, directora e guionista); Pilar Comesaña (guionista) e Teresa Fernández-Valdés (produtora). Tamén estaba nomeada a título póstumo Micaela Sinde Stompel, produtora, actriz e docente falecida no 2019 que foi xefa de estudos do IES Audiovisual de Vigo. A súa candidatura quixo recoñecer a toda unha xeración de mulleres profesionais do sector. No transcurso do acto proxectouse tamén un audiovisual de mulleres directoras galegas con fragmentos de filmes como "Isla de las Mentiras", de Paula Cons", "Luz Fandiño, a poeta analfabeta" de Sonia Méndez ou "Arima" de Jaione Camborda".