A xunta de goberno do Concello de Santiago ven de dar luz verde ao inicio do expediente de contratación para adxudicación do acondicionamento exterior do xacemento arqueolóxico do Castelo da Rocha Forte. Esta intervención, que se tramitará a través da modalidade de aberto simplificado, manexará un orzamento de licitación de 292.168 € (241.461,16 euros sen IVE; IVE de 50.706,84 euros) e un prazo de execución de 3 meses. "Trátase neste caso dos accesos e do aparcamento, co obxectivo de completar o entorno para a súa posta en marcha", aclarou o alcade Xosé Sánchez Bugallo. Esta actuación forma parte da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible Integrado do Concello de Santiago (EDUSI Santiago) cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do Programa Operativo Plurirrexional de España 2014-2020 nun 80% sendo o 20% restante con cargo á dotación económica municipal.