Retranca Editora publica en galego a BD Subnormal

A novena arte galega triunfa no Certame de Cómic de Cornellá

| Santiago. Redacción | Seccións: Banda Deseñada
Compartir:
Retranca Editora publica en galego a BD Subnormal

A coincidir coa nova edición de Viñetas desde o Atlántico, Retranca Editora acaba de lanzar á venda a versión en galego da BD Subnormal. A novela gráfica con guión de Fernando Llor e debuxo de Miguel Porto narra a historia real do bullying que que sufriu na escola o que sería xogador de baloncesto Iñaki Zubizarreta.

O volume, con 160 páxinas a cor, sae cunha nova portada troquelada, e achega ademais unha unidade didáctica asinada por Uxía Meirama na que se recollen entrevistas aos autores e mais ao protagonista. A obra obtivo o premio ao mellor guión no Festival de Cómic Splash de Valencia, entre outros recoñecementos, pola súa versión en castelán. Subnormal protagoniza unha exposición e os seus autores manterán un encontro co público na nova edición do Festival Viñetas desde o Atlántico, que comeza este 9 de agosto na Coruña.

De xeito paralelo, o Certame de Cómic Ciudad de Cornellá consagrou o talento galego na súa nova edición. O pontevedrés Anxel Carramal Fernández, de 26 años, obtivo o galardón ao mellor guión pola súa obra Náufrago na última edición deste certame, mentres Lucía Rodríguez Cid, de Ogrobe quedou finalista no certame.

Tamén a Escola de Banda Deseñada O Garaxe Hermético deu a coñecer os seus premios Fin de Curso. A entidade entregou no final de xullo os galardóns das súas dúas últimas promocións, logo de que o fallo do pasado curso os adiase por mor da pandemia. Deste xeito, o profesorado do centro seleccionou ex-aequo Para amargarse el día pulse 1 de Bea Bendaña e mais Nixx de Damián Gómez Figueiras e Iago Fernandez como mellores traballos de 2019-2020. Do curso 2020-2021 recoñeceron a obra Trust, Mental Process de Sergio de Arcos e Inseå Sam, e entregaron mencións de honra a Jorge Fernández Fernández pola súa obra Mindi e a Cristina Alborja pola súa novela gráfica O mellor para ti. Os vencedores dos galardóns verán as súas obras editadas por Retranca Editora.

Que che parece esta nova?
89 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Axuda a difundir a cultura galega

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Retranca, Cómic, Guión, Viñetas desde o Atlántico...