Nuevo Nueve edita Plot Point, o novo traballo do guionista Fernando Llor

Olga Carmona e David Braña lanzan en español a súa BD Lady Enigma

A historia dun grupo de profesionais da actuación en momentos baixos que secuestran á mellor showrunner do momento para que lles escriba o atraco perfecto. Esta é a delirante base de Plot Point, a última banda deseñada do guionista vigués Fernando Llor. A editora Nuevo Nueve lanza ás librarías este 22 de febreiro a historia, un volume de 72 páxinas a toda cor con arte do ilustrador de Ciudad Real Esteban Hernández. Retranca Editora publica a obra en galego.


Tamén chega ás librarías unha novidade doutro guionista asentado en Vigo. David Braña publica en español con The Rocketman Project os seis capítulos da serie Lady Enigma, que vira a luz orixinalmente na revista británica Aces Weekly con debuxos da gaditana Olga Carmona. O volume, que se pode reservar ata o día 25 deste mes no web da editorial, conta con 152 páxinas a toda cor en formato apaisado. A obra conta a historia de dous investigadores, os irmáns Sarah e Brian Perkins, a loitar contra o crime nun Londres victoriano con elementos paranormais.