Pasear a Galicia Chévere (I)

As audioguías ficcionadas da compañía teatral permiten coñecer diferentes localidades dun xeito único

As audioguías ficcionadas da compañía teatral permiten coñecer diferentes localidades dun xeito único
Un paseo audioguiado en Mondoñedo. Fonte: Chévere.
Visitar vilas e espazos de Galicia mentres se escoitan historias propias de cada lugar en formatos teatrais desenvolvidos pola compañía que foi Premio Nacional desta arte en 2014. Esta é a aposta que Chévere desenvolve desde hai uns anos, a mesturar arte e turismo, no marco da súa investigación sobre formatos de ficción sonora. O resultado, uns produtos que conmoven e que se presentan como unha opción idónea para un verán de pandemia.

Cinco concellos da Mariña Lucense e tres da Costa da Morte contan xa coas súas audioguías teatralizadas desenvolvidas por Chévere nos últimos anos. Mondoñedo, Ribadeo e Viveiro, seguidas por, Ézaro, O Pindo e Fisterra son espazos que xa podemos pasear da man da veterana compañía teatral. O pasado mes de xuño, Alfoz e Lourenzá incorporábanse á listaxe. A estes proxectos, a compañía engade proxectos que empregan formatos similares como son as Chevereografías Chelo, paseo nº1, en Ferrol (2016), e mais Compostela 8717 de 2017. O recente Dramawalker Vite, que o grupo desenvolveu en 2021 da man do Centro Dramático Nacional amosa o interese dos membros deste colectivo por un formato do que defenden a súa capacidade de conexión co público.

O achegamento sonoro
Hai xa anos que a compañía Chévere desenvolve o interese por abordar a ficción sonora como un xeito de expresión teatral. "Sempre nos interesou moito, e só nalgunha ocasión puidemos entrar de cheo. Tocámolo nalgúns espectáculos pero foi en 2003 co proxecto Radio Universo, que nos metemos a fondo", explica Xesús Ron, actor, dramaturgo, director e activista cultural, desde a compañía. Foi aquel "unha especie de radionovela ou teatro radiofónico de creación colectiva que naceu nun festival que facíamos na NASA e que logo se emitiu por Cadena Noroeste". Un total de dez capítulos compoñen esta iniciativa, que o grupo ten dispoñible íntegro no seu web. A esta tentativa seguiu a exploración da idea de crear audiolibros dramatizados "cunha perspectiva máis teatral, non simplemente lidos como se poden atopar agora. Comezamos o proxecto pero a investigación quedou a medias", lembra Ron.

A serie completa na plataforma Ivoox

Radio Universo no web de Chévere

O primeiro paseo
Ata 2015 non apareceu unha nova ocasión de se achegar á ficción sonora por parte de Chévere, da man dun convite do festival Fóra do Mapa de Ferrol. A proposta introduciu no repertorio da compañía os paseos sonoros, que desde entón manteñen con diferentes formatos e variacións. "Pensaramos en facer algo en escaparates, pero había pouco orzamento. Coa idea de ensaiar a ficción sonora levada ao espazo urbano fixemos esa primeira aproximación dun paseo co público a levar auriculares". Esta montaxe contaba con actores e actrices que servían de guía e representaban as escenas que cada participante escoitaba nos seus auriculares. "A experiencia resultou moi ben, foi moi emocionante para o público e apostamos por seguir investigando este formato", explica o que foi director e responsable da dramaturxia do proxecto.



Chelo, paseo nº1 no web de Chévere

Camiñar desde a autohistoria
O seguinte paso foi duplo. Por unha banda, o grupo desenvolveu Chévereografía. Compostela 8717 para o festival Escenas do Cambio de 2017. O proxecto propuña un percorrido, tamén con actores, polas transformacións da capital galega a seguir a historia da propia compañía. Reflexións sobre a identidade, o turismo, o patrimonio, a institucionalización da cultura e a relación das persoas coa cidade mesturábanse na iniciativa.



Compostela 8717 no web de Chévere

A reportaxe sobre Compostela 8717 en Culturagalega.gal

A proposta turística
Foi mentres se desenvolvía este proxecto que comezou a aproximación do formato ao ámbito turístico. Segundo explica Ron, desde a Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense "amosaron interese en xerar un recurso turístico que permitise coñecer algúns espazos da zona. A primeira idea foron visitas teatralizadas, pero tiñan o problema de que eran relativamente caras, dependían da climatoloxía e funcionan só para grupos, O que nos solicitaban eran recursos que fosen autónomos, de custo reducido e que se puidesen empregar de xeito constante, sen ter que depender de actores", lembra o dramaturgo. A reunir todas esas vantaxes, as audioguías teatralizadas apareceron como unha opción clara. "Aí comezamos a traballar, xa prescindindo de actores e facéndoas totalmente autónomas para cada oínte, en tres paseos por Mondoñedo, Ribadeo e Viveiro".

Os condicionantes do turismo
A aplicación específica do formato ao ámbito turístico revelou certas peculiaridades coas que a compañía tivo que lidar. "Hai unha serie de cuestións que son distintos dos proxectos puramente culturais. Para comezar, existen uns criterios diferentes sobre que elementos recoller e como abordalos", explica Xesús Ron. Na compañía "temos claro que este non é un traballo exclusivamente artístico e desenvolvemos un diálogo con quen o encarga. No noso caso nunca puxeron trabas nin interviron no proceso, pero si que dan indicacións ou marcan ideas sobre públicos, temas ou áreas que lles interesa dar a coñecer". Con estes proxectos Chévere procura "crear un recurso turístico que non perde a esencia teatral". Segundo explica o director, "ao chegar a cada lugar, vemos o que hai nas guías turísticas sobre el, que recursos están en todas as páxinas web e que patrimonio do que se denomina histórico artístico, como igrexas ou casas antigas, aparece. Logo nós tentamos recoller outro tipo de historias".

O control do espazo co son
As audioguías que propón Chévere "a diferenza das máis convencionais que podes atopar nun museo teñen a peculiaridade de que a escoita é constante, non hai cortes que se vaian activando en cada lugar. No audio recibes todas as indicacións de onde ir". Esta continuidade que facilita a inmersión do público en cada lugar pero obriga tamén a un control exhaustivo dos tempos de desprazamento e un coidadoso deseño do percorrido para que esas indicacións se dean no momento correcto ou referíndose a elementos que sexan visibles para a persoa usuaria. E é que elaborar paseos deste tipo implica ter en conta todo tipo de condicionantes espaciais. "Cómpre resolver o problema da accesibilidade. As guías, desde logo, son para persoas que poden escoitar, pero fóra diso procuramos que sexan o máis accesible que se poida. Hai que pensar en que as poidan facer persoas con cadeiras de rodas, xente maior ou con mobilidade reducida a quen lles pode levar máis tempo facer o percorrido. Tamén cómpre evitar zonas de tráfico ou con ruído, e ter coidado coas escaleiras", advirte Ron.

Os contidos e as voces
A estas limitacións, engádense aínda outras, máis cinguidas ao contido como son "que teñan unha duración asequible para diferentes públicos, que conviden a prolongar a visita ao lugar e que tamén animen a camiñar". Todo isto, por suposto "a ter en conta os recursos turísticos que hai na zona e coa necesidade de localizar historias que dean para fiar un relato". A maiores, en Chévere aínda engaden a atención "á fala, que é algo moi importante. Tentemos sempre facer aproximacións ás falas de cada lugar". Un coidado que os levou a incorporar a falantes de cada zona, mediante audios recollidos en entrevistas o a integrar esas persoas como responsables da narración, caso da audioguía de Lourenzá. Do mesmo xeito, a adaptación ás diferentes linguas nas que se ofertan estas audioguías inclúen os acentos locais cando se fan en castelán ou recorren á dobraxe por riba do audio orixinal, ao xeito dos documentais, nas propostas en inglés ou francés.

As historias de cada lugar
Non contentos con todos os condicionantes deste formato, os membros de Chévere evitan conformarse con repetir fórmula para as audioguías que elaboran. Todas as que realizan teñen características propias, a se adaptar aos contidos e particularidades de cada lugar e do que se quere contar. "Procuramos que cada unha tivese un formato algo diferente, non quixemos empregar os mesmos recursos e procedementos", explica Xesús Ron. A recollida de historias locais aparece como un fondo común dos proxectos de ficción sonora de Chévere, e en particular destes. "Recollemos historias de cada lugar que logo ficcionamos. Hai un traballo de investigación previo e a partir de aí imos probando diferentes itinerarios a atender tamén aos intereses dos diversos públicos potenciais".

Mondoñedo visto desde Cunqueiro
Deste xeito, no caso de Mondoñedo, onde se quería pór o foco en Cunqueiro, "optamos por un formato documental, no que recollemos voces de veciñas e veciños a falar sobre o autor. Xente que vivía na vila canda ao escritor e familiares contaban anécdotas do trato con el ou historias que escoitaran. O paseo aliméntase destas historias e a partir delas fomos metendo outros personaxes", lembra o que foi director desta audioguía.



Audioguía ficcionada en Mondoñedo no web de Chévere.

As lembranzas do indiano de Ribadeo
En Ribadeo, pola súa banda, o paseo "é unha proposta máis cinematográfica. Fixemos como a banda sonora dun filme que podes imaxinar mentres das o paseo acompañado destas atmosferas acústicas" explica o director do proxecto. "Tiramos dun personaxe real, neste caso un indiano que tiña unha casa deste estilo na vila e unha historia peculiar como eixe para percorrer a zona".



Audioguía ficcionada en Ribadeo no web de Chévere.

As pantasmas de Viveiro
"No caso de Viveiro presentamos unha historia de pantasmas nun roteiro que se presenta como se fose de noite e fósemos atopando personaxes pola vila". Pastor Díaz, George Borrow, Nemesio Barreiro, Maruxa Mallo ou Emilio Caxete "O Rabeno" fan parte dun percorrido que mestura épocas e voces da vila.




Audioguía ficcionada en Viveiro no web de Chévere.

A conexión emocional do son
Basearse no son achega, segundo Xesús Ron, unha importante conexión co público. "Ao ser proxectos teatrais contar con voces é algo fundamental. Detrás están as persoas locais e isto transmite o que é un lugar cunha intensidade emocional moi superior á que podes atopar nun vídeo, nunha guía turística ou nun web. Un interfaz como é a pantalla non acada a mesma conexión que se tes un auricular e estás a oír alguén mentres paseas". E é que mentres se escoita unha destas narracións "estás activo, estás a descubrir un lugar e a túa capacidade para te sorprenderes e sentir emocións é moito maior. Isto conséguese con esas voces e coas historias das persoas. Podémoslle dar forma a esas historias que viven alí desde hai corenta anos para que lles resulten interesantes a calquera persoa". Deste xeito, estes produtos sonoros "amosan cousas que non se poden atopar en ningún outro lugar. Estás a escoitar a veciñanza ou as historias que te poderían contar esas persoas se estiveses alí tempo abondo e as coñeceses. Nós facemos ese traballo por ti e conectámoste con esa xente".

Na segunda parte desta reportaxe continuaremos a coñecer os percorridos polo país que propoñen os Chévere. Ademais, afondaremos no potencial das ficcións sonoras e o xeito no que estes proxectos están a incidir no xeito de traballo da compañía.