O Museo do Pobo busca novos camiños de comunicación e visibilidade

A nova páxina web inclúe a visita virtual e unha aplicación propia

A nova páxina web inclúe a visita virtual e unha aplicación propia
O Museo do Pobo Galego vén de renovar tras moitos anos a súa páxina web para achegar aínda máis a institución ao público. A comunicación coa xente socia e a visibilidade cara a sociedade son fundamentais para a Institución e esta imaxe e funcionalidade novas teñen a intención de cumprir con estes obxectivos. Unha das principais incorporacións do novo formato é a aplicación que permite facer unha visita virtual ao Museo. A través dun sistema de imaxes 360º, pódese acceder a todas as salas de exposición, pero tamén se pode visitar o Claustro, o Panteón de Ilustres de Galicia, a Igrexa e, por suposto, a icónica triple escaleira helicoidal.

Ademais, o Museo do Pobo Galego xa conta cunha aplicación coa que o público poderá coñecer o modo de vida e as manifestacións culturais máis destacadas dos habitantes de Galicia, alén da historia da institución e a do convento de San Domingos de Bonaval. Na web pódese acceder á descarga desta APP. Outra das pestanas permítelles ás persoas que o desexen, facerse socias dun xeito moi sinxelo, e contribuír así á investigación, conservacion, divulgación e promoción do patrimonio histórico-antropolóxico de Galicia, un labor que o Museo do Pobo Galego leva facendo desde 1977. Segundo comunica o Museo do Pobo, a páxina web segue en construcción e prevese a incorporación de máis contidos.