Alberto Lema gaña o XXXIII Premio Manuel García Barros de Novela

O xurado recoñeceu a súa obra Pazo de inverno co premio de 9.000 euros

O Concello da Estrada daba a coñecer este 22 de xullo o fallo do XXXIII Premio Manuel García Ramos de Novela. A obra Pazo de inverno de Alberto Lema Suárez foi a escolleita como gañadora polo xurado entre as corenta e unha propostas presentadas a concurso. O autor recibirá 9.000 euros de premio por un traballo do que o xurado destacou "a súa capacidade para recrear unha ficción coas fías das loitas de poder".





Entre os méritos destacados do traballo, o fallo sinala "a lograda caracterización dos personaxes, o suxestivo dos diálogos, a habelencia para recrear atmosferas e sucesos, así como a intelixente inserción de recursos parateatrais na narración fan desta obra unha proposta de anatomía sociopolítica dun tempo e de todo tempo".

Na novela "as esferas do empresarial, o político e o periodístico gandúxanse para tecer unha crónica de contraluces hipnóticas. Nesta obra nada é o que parece e os trasfondos e maquinacións dos grupos de influencia acaban por nos revelar un complexo mapa de intereses e pulsións".

O xurado estivo composto por Anxos Sumai, Carmen Ferreira, Carlos Lema, Armando Requeixo e Carlos Loureiro, en calidade de secretario. O premio entregarase o vindeiro mes de decembro na Estrada.