A falta de orzamento provoca a diminución da oferta cultural de estío

Baleiro en Compostela

O 2001 está a ser ano de resaca para a oferta cultural en Compostela. Despois dos actos que se programaron para o Xacobeo de 1999 e da declaración como Cidade da Cultura do ano 2000, os orzamentos sufriron unha drástica diminución que provocou que este ano os santiagueses e os visitantes achen de menos citas tan destacadas coma o Festival Milleninum ou o Santirock.

Verán na cidade



Segundo publica hoxe "La Voz de Galicia", o alcalde Compostelán, Xosé Sánchez Bugallo, recoñeceu onte publicamente que o Concello errar na planificación da axenda cultural para este verán. O alcalde aceptou a necesidade de correxir o feito de non ter programado ningún evento importante para agosto, e comprometeuse en repartir durante todo o estío as actividades para anos próximos. A falta de orzamento é responsable, segundo o alcalde, de que haxa unha limitación superior a anos anteriores para realizar unha programación continuada. De calquera xeito, Sánchez Bugallo asegurou que a programación cultural para os vindeiros meses está asegurada gracias en grande medida, ós acordos de financiamento externo acadados con Caixanova.












Sen cartos non hai festa


A diminución do apoio económico para actividades culturais que viñan prestando tanto o consorciao coma entidades privadas é a causa de que a actividade cultural compostelana teña diminuído este ano. O Concello destinou este ano 800 millóns de pesetas a actividades culturais. Pola súa banda, os diferentes patrocinadores privados aportaron 225 millóns, o que non se pode comparar cos 2.600 que achegaron ó ano pasado á celebración da Cidade da Cultura co incentivo das desgravacións fiscais. No mesmo sentido tamén diminuíu o orzamento aportado polo Consorcio de Compostela, o que foi determinante para que non se celebre este ano o Festival Millenium.








O futuro

Ademais do compromiso de evitar baleiros na programación dos vindeiros anos, Sánchez Bugallo sinalou que para o ano 2004, coincidindo co vindeiro Ano Santo, poderá voltar a celebrarse o Millenium, xa que será entón cando o Consorcio disporá de suficientes fondos libres como para cubrir os arredor de 530 millóns que custa o evento.