Edítanse 35 títulos menos en galego que no 2000 e as tiraxes diminúen nun 27%

Libros en crise

25/3/2002 | Redacción: Santiago. Redacción | Seccións: Literatura
19 lecturas | Compartido 0 veces
O sector editorial galego continúa en crise. Aínda que os dica de Producción Editorial de Libro 2001 do Instituto Nacional de Estatística sinala un incremento no número de títulos con respecto ó ano anterior, un estudio de Manuel Bragado para o Consello da Cultura revela unha diminución do 27% nas tiraxes medias das editoras galegas entre 1998 e 1999. Por se fose pouco, cada vez edítanse menos libros en galego no noso país, e a edición en castelán pasou de ser un 33% do total a un 45% no ano 2001.
2.026 libros, menos lectores

Segundo revelan os datos da Estatística de Producción Editorial de Libros 2001 do Instituto Nacional de Estatística (INE) durante o 2001 editáronse en Galicia 2.026 títulos, dos que só 1.231 estaban en galego e 795 en castelán.
Isto supón un notable incremento da edición en castelán no noso país con respecto á realizada no noso propio idioma. Así, durante o ano 2000 saíron á rúa un total de 1644 títulos, dos que 1.266 estaban en galego. Esta diferencia supón que a edición en castelán no noso país pasou de ser un 33% do total de títulos a un 45%. A perda de títulos en galego nos dous últimos anos sitúase así en cen títulos menos, sendo o descenso do último ano de trinta e cinco títulos.
Pola contra, e segundo un informe que está a preparar Manuel Bragado para o Consello da Cultura Galega, a cifra de títulos editados en galego e en Galicia por empresas foráneas pasou de ser 239 en 1998 a 268 en 1999.
O informe de Bragado, que recolle datos ata o ano 2000, sinala ademais un descenso nas tiraxes de obras no país, que cifra nun 27% entre 1997 e 1999. Ademais, este documento sinala que só o 25% dos lectores do país len en galego, no que inflúe, segundo Bragado, a baixa demográfica que cifra nun 5% anual. Outro factos destacado no descenso de lectores é, para el, o "derrubamento" do sistema escolar como soporte do sector polos cambios realizados nos sistema de prescripción de lecturas.
Bragado amén sinala que se está a proporcionar un menor apoio desde as institucións públicas á edición en galego, e que as publicacións institucionais están a realizarse cada vez máis en castelán.


Datos sobre o total do Estado


Galicia editou no 2001 un 3,6% dos títulos que se publicaron no Estdo Español, segundo revelan os datos do INE. O total de volumes editados no país foi de 3.475.000 exemplares.
Os exemplares editados en galego o pasado ano supuxeron o 2% do total da producción editorial española, moi por debaixo do 11% que supón a edición en catalán, valenciano e balear aínda que lixeiramente por riba do 1,4% de libros editados en euskera en todo o estado.
Sen embargo, a nivel de producción editorial, están por diante de Galicia Madrid, cun 32,4% dos títulos editados no Estado, Cataluña, co 30,4% do total dos títulos, Andalucía, cun 7%, Valencia, cun 6,9%, Castela e León, cun 4,3% e Euskadi cun 3,7%.



Traduccións

Segundo sinala o último "Informe de Literatura" do Centro de Investigacións Ramón Piñeiro, das 114 obras de literatura infantil e xuvenil editadas durante o ano 2000, cincuenta e sete foron traduccións. Isto supón exactamente a metade do total. Pola contra, nos xéneros considerados para adultos só se traduciron vintetres títulos.



Universo culturagalega.gal