Tres propostas para o Día das Letras galegas do 2022

A RAG decidirá mañá entre Florencio Delgado Gurriarán, Fiz Vergara Vilariño e a conxunción entre Ánxel Casal e Lorca

A RAG decidirá mañá entre Florencio Delgado Gurriarán, Fiz Vergara Vilariño e a conxunción entre Ánxel Casal e Lorca
De esquerda a dereita, Federico García Lorca, Ánxel Casal, Fiz Vergara Vilariño e Florencio Delgado Gurriarán.
O Pleno da Real Academia Galega decidirá este venres quen protagonizará o Día das Letras Galegas 2022. Segundo ven de confirmar a institución, será nunha sesión ordinaria na que se someterán a votación as tres candidaturas presentadas por membros de número da institución: a de Florencio Delgado Gurriarán (O Barco de Valdeorras, 1903-Fair Oaks, Estados Unidos, 1987), escritor, editor literario e activista político e cultural fundamental do exilio galego en México; a de Fiz Vergara Vilariño (Samos, 1952- Lugo, 1997), poeta singular, narrador e dramaturgo; e a protagonizada por Ánxel Casal Gosende (A Coruña, 1895-Teo, 1936), fundador da Editorial Nós, xunto ao poeta granadino Federico García Lorca (1898-1936), autor dos Seis poemas galegos publicados no devandito selo.



Os académicos e académicas de número reuniranse este venres 2 de xullo na sede da institución, na rúa Tabernas da Coruña. Ao termo da sesión plenaria, está previsto que o presidente, Víctor F. Freixanes, comunique o resultado da votación sobre o Día das Letras Galegas de 2022. O Regulamento de Réxime Interno da Academia establece que na primeira xuntanza despois do 17 de maio, Día das Letras Galegas, o Plenario debe elixir a personalidade literaria a quen se lle dedicará esta conmemoración no ano vindeiro. A normativa indica que esta debe ser "autora dunha obra relevante en galego e persoa de calidade cultural e humana que mereza propoñerse como exemplo á sociedade galega de hoxe". É ademais requisito indispensable que pasasen dez anos desde a súa morte e que a candidatura estea avalada cando menos por tres membros de número da Academia. de entre as propostas populares ou apoiadas desde institucións para este vindeiro ano non chegou ao plenario da RAG a que se fixo desde o Concello de Lourenzá para elexir a Francisco Fernández del Riego.