Memorias TransXeracionais

O Documental Dereito a existir: falan elas amosa a experiencia vital de tres mulleres transexuais galegas

Fotograma de <i>Falan elas</i>
Fotograma de Falan elas
Laura Bugallo, Daniela Fernández e Aura Leirós, protagonizan Dereito a existir: falan elas. O Consello da Cultura Galega presentou este 22 de xuño o documental de Cristina de la Torre e Carme Adán que percorre a experiencia vital de tres xeracións de mullers trans en Galicia e continúa o ronsel de propostas dedicadas á memoria LGBTQIA+ que están a aparecer este 2021.




Desde os tempos en que Laura Bugallo tivo que demostrar ante o xuíz, en 1998 e con todo tipo de informes, que debía ser recoñecida como muller, percorreuse un importante camiño. Hai pouco tempo que o centro de ensino de Aura Leirós aplicou os protocolos establecidos para as persoas trans e se recoñeceu a súa situación neste contexto. Estes exemplos amosan o xeito no que a situación das persoas trans no noso país mudou ao longo do tempo, pero aínda queda moito camiño ata a normalización completa deste colectivo. O documental Dereito a existir: falan elas percorre as diferentes visións do que supón a identidade trans en Galicia nas últimas décadas a través de entrevistas con tres Laura Bugallo, Daniela Fernández e Aura Leirós, que exemplifican as vivencias de tres xeracións diferentes de mulleres trans.

Tres xeracións
Segundo apunta Cristina de la Torre, "escollemos centrarnos na historia de tres xeracións diferentes tamén para achegar perspectiva histórica e sociopolítica ao tema. Ademais, esta perspectiva axuda a que o público se identifque coa historia máis próxima". A documentalista apunta que "a idea foi de Carme Adán, corresponsable da Sección de Pensamento do Consello da Cultura Galega". O proxecto "quería amosar a realidade das mulleres trans dunha maneira fresca e próxima, tendo moi presente o posible uso do vídeo nos centros educativos. Para min era un tema moi novo e ese descoñecemento serviume para achegarme ás historias das protagonistas sen ideas preconcibidas, tratando sobre todo de escoita. Contamos coa axuda de Cristina Palacios, de Arelas, que nos asesorou co guión", explica.

A mudanzas
A experiencia do filme permitiulle a De la Torre comprobar como mudou a experiencia trans no noso país ao longo das últimas décadas. "Houbo moitas mudanzas, tanto no que viviron elas como no que se transmitía á sociedade, na imaxe que transcendeu do trans en cada época". Deste xeito, "dos anos noventa, cando Laura Bugallo fixo a súa transición, quédanos unha imaxe sórdida e as veces humillante. Os anos dez deste século foron unha illa de expansión da igualdade, e agora temos de novo crispación e unha hostilidade latente que volven espertar as alertas no colectivo" resume. A despatoloxización desta condición, que implicará deixar de considerar enfermas estas persoas e lles evitará ter que pasar por procesos de hormonación e de ditames médicos forenses, aparece como unha reivindicación fundamental para este colectivo de cara ao futuro.

Unha presenza crecente na cultura
O documental fai parte dunha aínda incipiente presenza de temática LGBTQIA+ na produción cultural galega, que vai a máis nos últimos anos. Segundo recoñece De la Torre, "hai máis, pero non creo que sexa a suficiente. Penso que seguimos tratando a temática queer facendo do feito da diversidade sexual o tema, e non integrado no relato con naturalidade, como un personaxe máis", advirte. Nese sentido recoñece a necesidade dun especial esforzo para un tratamento axeitado desta realidade. "Imaxino que as realizadoras temos que esforzarnos como o resto en evitar lugares comúns e estereotipos á hora de incorporar persoas trans ás nosas historias. Eu sen dúbida tiven que facer ese axuste continuamente nas entrevistas e no proceso de montaxe. Temos que estar atentas para facelo mellor, máis xusto".

A necesidade de amosar
Esa crecente presenza temática coincide ademais neste ano coa multiplicidade de iniciativas sobre memoria do movemento LGBTQIA+. Para a directora, esta eclosión dáse "porque hai esforzos moi significativos desde o que eu considero illas de liberdade e pensamento, como algúns centros educativos, asociacións, e por suposto, o propio Consello da Cultura Galega". Para ela, "poñer o foco na convivencia, na conversa e no coñecemento é sempre importante, pero agora se cabe máis no caso do colectivo trans, xa que está sendo moi sinalado e cuestionado polos debates arredor da nova Lei". Malia a esta necesidade, recoñece a dificultade de chegar a públicos máis amplos para mudar a percepción sobre esta problemática na sociedade. "O caso é que sempre teño a sensación de que son debates de burbulla, que a maior parte da xente non está pendente nin se sinte aludida. Por iso quero pensar que esta peza documental está feita para toda esa xente, entre a que me inclúo, que ata o de agora pensabamos que esta reivindicación de igualdade non era nosa".

Pensar con orgullo
O documental presentouse no marco da xornada Pensar con orgullo II que o Consello da Cultura completou, este 22 de xuño, coa mesa redonda Dereito a existir: disidencias e novas perspectivas LGBTIQ+ de Galicia. Na mesma, Ana Amigo da Rede Galega de Estudos Queer; Paloma García da Rede Educativa de Apoio LGBTIQ+ de Galicia; e Cristina Palacios, presidenta da Asociación de familias de menores trans, Arelas, moderadas por Enrique Latorre abordaron a actualidade destes colectivos. O encontro completouse co relatorio de Elvira Burgos, profesora de pensamento feminista e de filosofía do corpo na Universidade de Zaragoza sobre Corpos vulnerables e rebeldes.

Dentro das celebracións do Consello da Cultura por mor do Día do Orgullo, no propio día 28 de xuño incorporará á hemeroteca feminista A Saia, dedicada a publicacións periódicas feministas e LGTBIQ+ os números 11 e 12 da revista S´homos. Esta publicación foi editada entre 1991 e 1996 polo Colectivo Homosexual de Compostela (Colectivo Gai de Compostela a partir de 1992) coa intención de "servir de instrumento para a concienciación, difusión, denuncia, crítica, reflexión e debate arredor das discriminacións sufridas por gais, e tamén lesbianas, bisexuais e transexuais". A revista que agora se recupera achega "propostas culturais e de lecer, engade notas breves de información xeral e artigos encamiñados a recuperar a memoria do CGC e do movemento gai e lésbico ao longo da historia", segundo explica o Consello da Cultura.