Rachar esquecementos diversos

Unha xornada reivindica a memoria dos movementos LGTBIQA+

Unha xornada reivindica a memoria dos movementos LGTBIQA+<br />
Fotograma de Noite irisada.
Neste 2021 unha confluencia de propostas coinciden en reclamar a visibilización e estudo das memorias sobre os colectivos LGTBIQA+. Nas proximidades do Día do Orgullo publicacións, encontros ou produtos audiovisuais poñen o foco nunha historia común de represións e silencios, pero tamén de reivindicacións e conquistas. Da man da Deputación da Coruña, o congreso A memoria diversa chama a conectar a investigación sobre memoria histórica co estudo do pasado destes movementos.

Este 18 de xuño celébrase no Pazo de Mariñán a primeira das dúas xornadas do congreso A memoria diversa. Coordinado pola Área de Cultura da Deputación da Coruña, a cita nace da intención de "recuperar e reivindicar a memoria histórica do colectivo LGBTIQA+ en Galicia e da necesidade de darlle visibilidade a aquelas persoas que loitaron pola visibilización e dignificación do colectivo, así como ás vítimas da represión e do rexeitamento por cuestión de orientación ou identidade de xénero". A xornada fai parte dun incipiente e activo movemento por recuperar a memoria duns grupos que durante anos quedaron coa súa historia por escribir. Segundo explica Marcos López, coordinador da xornada, "a idea xorde porque hai un traballo dunha rede memorialística arredor do país a facer cousas sobre diferentes ámbitos como a memoria das mulleres, pero démonos conta de que a memoria do colectivo non está reivindicada nin traballada. Estas son voces e movementos necesarios que están ausentes doutros estudos relacionados coa memoria histórica, e a idea é pór a semente para comezar a construír o relato memorialístico en clave diversa e en clave galega". Segundo explica López "si existen a nivel audiovisual ou escrito propostas de memoria diversa a nivel estatal, pero especificamente galego aínda queda moito por facer e por traballar neste eido. Entón esta proposta quere para pór en contacto este mundo que traballa pola memoria histórica en xeral e mais o propio movemento".

Relatorios do congreso en Youtube






A desmemoria
"A primeira charla fala precisamente sobre a falta de memoria histórica neste campo, e co encontro quixemos comezar con esta cuestión. Pretendemos amosar esta realidade e a partir de aí pór as pedras para construír esta casa", explica López. María Xesús López Escudeiro, a coordinadora do programa Vivas e Visibles de recuperación da memoria das mulleres e coautora da exposición Do gris ao violeta para o programa A Memoria das Mulleres do Concello de Pontevedra é a responsable de abrir o encontro con esta cuestión. Segundo indica "falta aínda investigación sobre a represión que existiu sobre o colectivo LGBTIQA+ e non se pode negar". Nese sentido destaca propostas recentes como o libro colectivo Nós xs inadaptadxs. Publicado en 2020, este volume fai unha panorámica do movemento desde diferentes perspectivas, entre elas varios artigos sobre momentos concretos da súa historia. Tamén lembra propostas como o documental Noite Irisada de 2019, que dirixiu Bea Campaña e "que recolle a loita polos dereitos das persoas diversas sexualmente con testemuñas das protagonistas" a se reivindicar como "único documental sobre esta temática realizada na historia audiovisual galega".



O programa do encontro aborda en diferentes mesas propostas pioneiras de reivindicación destes movementos, a problemática de historiar o diverso, o silenciamento LGBTIQA+ nas letras ou o papel do audiovisual na recuperación destas voces. Ademais, poderá verse na xornada o documental Persoas S.A. de Carmen P.G Granxeiro, sobre a historia do movemento en Galicia cun especial foco no medio rural.


Trailer _ Persoas S.A. from Carmen PG Granxeiro on Vimeo.



As bases do esquecemento
Mariám Mariño, investigadora en antropoloxía feminista e técnica do centro de documentación de igualdade e feminismos do Consello da Cultura Galega participa do encontro nunha mesa sobre a problemática de "Historiar o diverso". Desde a súa perspectiva, o esquecemento que paira sobre colectivos "En xeral a maneira de facer historia en Occidente está inserida nunha lóxica non só patriarcal senón tamén racista e etnocéntrica. Procura o modelo de home branco, adulto, heterosexual, sano… e tende a esquecer unha parte da sociedade que inclúe mulleres, transexuais, nenas e todo o que exceda ese modelo. A partir de aí hai un construto forte de procesos de marxinalización na construción do ideario occidental que vén acompañado dunha construción de exclusións importantes. As mulleres carecen de interese e hai unha norma, cun sistema sexoxenérico represivo, un contrato sexual fortemente arraigado que é un dos piares importantes do sistema". Segundo explica "a través da historia constrúese algo que suxeita as mulleres e a certo tipo de homes e leva cara a unha heterosexualidade reprodutora". De xeito máis específico descaca que "ao non se considerar relevante e non interesar ideolóxica nin politicamente non se toman en conta eses arquivos ata que non se produce un cambio de mentalidade".

"Rescatar as figuras destes períodos tamén serve un pouco de memoria e de vacina contra os discursos do odio, e para facerlle entender ás novas xeracións que as cousas non xorden da nada e que os dereitos hai que os estar gañando día a día"



A reivindicación do labor
Canda a procurar puntos de contacto e sinerxías coas persoas e grupos que centran o seu traballo na investigación da memoria, o congreso quere servir para "dar visibilidade a unha serie de persoas que loitaron xustamente pola visibilización e dignificación do colectivo, as vítimas da represión e do rexeitamento por cuestións de orientación ou identidade de xénero", segundo destaca o coordinador. Para el "rescatar as figuras destes períodos tamén serve un pouco de memoria e de vacina contra os discursos do odio, e para facerlle entender ás novas xeracións que están no colectivo que as cousas non xorden da nada e que os dereitos hai que os estar gañando día a día". Do mesmo xeito, para López Escudeiro "a convocatoria destas xornadas paréceme importantísima porque implica recoñecer o que teñen feito diferentes colectivos que non se poden esquecer". Coincide tamén con Marcos López en destacar que "neste momento urxe a posta en común de todas estas achegas". O encontro, ao seu ver, é de especial interese por promover "a conexión coas diferentes asociacións pola memoria histórica. Hai como parcelas na investigación, pero agora cómpre traballar en conxunto para poder afondar en todo o coñecemento que xa existe e recuperar moito que fica por recuperar".

As liñas de traballo
Dentro dos contidos que se abordan nas xornadas están temas como "o comezo do movemento, a nivel estatal e sobre todo a nivel galego" sobre os que pouco se sabe mesmo dentro dos propios colectivos a prol dos dereitos destes grupos. Segundo sinala López, "queremos ir rescatando moitas accións pequenas de xente que non era reivindicada, e mesmo figuras que moitos descoñecíamos, persoas do país que fixeron accións tanto aquí como fóra que son moi dignas de reivindicar". Canda a esta, outra importante liña de investigación sobre estas memorias céntrase "no período da represión e das vítimas polo rexeitamento de orientación e identidade sexual. E tamén por figuras que mesmo xa vivindo en democracia, con outra realidade, tamén sufriron ese rexeitamento, xa non a nivel legal senón por cuestións sociais", sinala. De cara ao futuro "agardamos que do propio congreso vaian aparecendo máis cousas, que se abran liñas de investigación e de traballo para seguir a afondar na cuestión da memoria do colectivo".

O ocultamento da represión
A se centrar no castigo que exerceu o franquismo contra estas identidades, López Escudeiro lembra que "había unha represión estruturada na que se tomaban medidas específicas sobre diferentes colectivos. Aí fago moito fincapé na Lei de Vagos e Maleantes, que a depender do momento recoñecía ou non a existencia de homosexuais, pero estaba sempre aí como ferramenta de represión. Tamén falo da Lei de Perigosidade e Rehabilitación Social". Precisamente a inconcreción dos expedientes á hora de falar dos feitos que se reprimían son parte do silenciamento destes colectivos."No caso do colectivo está, como na memoria das mulleres, invisibilizado. Todo se metía no saco común dos vagos e maleantes, e queda moito por facer e por investigar". De xeito máis concreto "no Padroado de Protección da Muller, había unha serie de medidas específicas contra o que consideraban unha enfermidade ou unha aberración", como era o lesbianismo. "Esa represión que estaba centrada en todo o que rachaba o esquema do franquismo, que establecía a virilidade para o home a feminidade e a submisión, sen ningún tipo de sexualidade para a muller, exerceuse sobre todas as persoas que non seguían estes modelos. E exerceuse con crueldade e asañamento". Segundo apunta "había familias que preferían internar a filla nun manicomio como foi o de Conxo en Compostela antes de admitir que tiñan unha persoa lesbiana na casa. E iso nun momento no que os tratamentos eran moi crueis, con descargas de electroshocks e outros similares".

"O sistema constrúe unha serie de exclusións e todo o que queda fóra non é documentado e carece de interese, e na investigación non se consideran os arquivos sobre ese tema"



O acceso á información
"Hai un certo nó común a todo movemento arredor da memoria. Cando xorde o interese por comezar a investigar a memoria dun colectivo sempre aparece o problema de onde documentar e como conseguir material", explica López. Segundo lembra Mariño, o sistema "constrúe unha serie de exclusións e todo o que queda fóra non é documentado e carece de interese, e na investigación non se consideran os arquivos sobre ese tema". Canda a esta falta de consideración "está tamén a cuestión organizativa. Historicamente os arquivos deste tipo están nas mans de familias ou de persoas concretas. Non acontece como con outros temas que se poden atopar en arquivos sindicais, por exemplo. Hai algo nalgúns partidos políticos, que durante a Transición actuaron un pouco como paraugas, sobre todo para movementos de homes gais. Pero as lesbianas procuraron outros espazos, e para o feminismo o paraugas estivo máis vencellado aos locais de ocio". Segundo destaca "estes arquivos son fundamentais para calquera investigadora. Agora mesmo está a se elaborar un arquivo de voces, recupéranse audiovisuais históricos, como o da primeira manifestación en Vigo, alá polo 81 ou 82. Son cousas relevantes pero isto ten que se complementar con documentación física para contrastar" reivindica nun contexto no que "hai un peso importante da historia oral, pero todo debe ser contrastado. A memoria é traicioneira e mesmo hai que contrastar diferentes entrevistas. Os xornais son tamén unha fonte destacada para recuperar estes procesos, ao igual que as publicacións periódicas dos colectivos".

A precariedade da militancia
Esta investigadora suma tamén á dificultade para investigar este material "a precariedade na que se desenvolveu o traballo de moitos destes colectivos. En moitos casos non tiñan local propio ou atópabanse cunha continuidade histórica difícil". Malia a estas dificultades, na súa experiencia a analizar o movemento lésbico en Compostela e na recuperación de arquivos feministas "en xeral eu atopei un interese nos colectivos dos anos 80 e 90 por conservar o seu material e por recuperar a historia. Pero a miúdo non ter local ou a dificultade de ter unha continuidade na militancia fixo máis difícil esa conservación". Neste contexto "é importante o proceso de reflexión que se fixo no Consello da Cultura Galega sobre os fondos arquivísticos e documentais e esforzos que se fan da man dalgúns concellos ou da Xunta de Galicia. Pero todo o que depende de mudanzas políticas é inseguro, e nese sentido unha institución como o Consello da Cultura Galega semella unha institución axeitada para garantir o acceso a materiais deste tipo, non para centralizar a documentación pero si para centralizar información sobre onde están as cousas".

Cuestións de intimidade
Canda a estes problemas López Escudeiro, pola súa banda, destaca que se "foron abrindo espazos, pero hai que ter en conta que todo o que afecta á intimidade e á identidade sexual das persoas resulta aínda moito máis difícil. O acceso aos arquivos depende moito de que institución sexa a responsable. E canda a isto atopamos o problema de se existe constancia específica da represión contra ese colectivo. Nos expedientes, por exemplo, da Xunta do Padroado de Protección ás mulleres, aparecen referencias a condutas sexuais anómalas pero non se dan identificado especificamente casos de lesbianismo. Entón neste caso aínda é moito máis difícil a investigación". Canda a isto, apunta problemáticas específicas como "a dificultade de acceder con este tema ao mundo rural" ou mesmo en espazos como as letras. "Existen figuras silenciadas no mundo da cultura ou da literatura, aínda que persoas como Antón Lopo e Carlos Callón están a facer un traballo moi interesante sobre esas voces". A apuntar as similitudes coa experiencia da memoria das mulleres, apunta que "nos primeiros momentos de investigación sobre a represión das mulleres, cara a 2007 ou 2008 atopábamos moita reserva a falar. Había un peso do medo e víanse estas historias como algo a agochar. Sentíase vergoña do pasado republicano de membros da familia. Agora, grazas tamén aos avances que se deron na sociedade, mesmo con eivas, é máis sinxelo que a xente vaia abrindo esas portas". Deste xeito, e xa a falar dos colectivos LGTBIQA+ admite que "continúa a haber casos de acoso, en especial na mocidade, na adolescencia ou na infancia, pero penso que se vai dando unha certa sensibilización que é moi importante para comunicar e dar a coñecer o que pasou nas propias familias. Aínda pesa a existencia dun familiar que non cumpría as normas da identidade sexual hexemónica, son pasos que se van dando e estamos nun momento no que cómpre abrir esas portas".

O libro
O congreso compleméntase ademais coa publicación dun libro escrito por Eva Mejuto e fotografías Carme Cerviño de no que, segundo destaca López "mediante unha ducia de entrevistas ponlle voz e cara a esa memoria diversa. Tenta retratar a historia do colectivo en Galicia a través das vivencias das persoas que iniciaron o movemento e viviron ese silencio, a discriminación e a represión por motivos de orientación ou identidade de xénero, tanto nos últimos anos da ditadura como nos primeiros tempos da democracia. Trátase de destacar estes militantes da diversidade que cosa súas vivencias persoais fixeron evolucionar a sociedade nestes ámbitos".

"Nun momento no que se está a incrementar o discurso do odio e da homofobia (...) reivindicar a memoria de como chegamos ata aquí, os procesos que deron nos dereitos nos que gozamos e as cousas que faltan por conquistar é importantísimo".



Futuros diversos
Sobre o desenvolvemento de diferentes iniciativas arredor da memoria LGTBIQA+, Marcos López apunta que "hai interese por coñecer estas cuestións, sábese pouco e xorde esa necesidade de investigar. Hai gana de comezar a pescuda por esta banda a ver o que vai aparecendo. Realmente o que se está a ver é que resulta necesario que todos saibamos como se foi tecendo todo o movemento a nivel galego e empregar todos os medios, desde congresos ata temas audiovisuais ou ensaio e ir artellando esa realidade". O interese actual por esta cuestión débese tamén, segundo el, a que "xustamente nun momento no que se está a incrementar o discurso do odio e da homofobia, reforzado por unha ultradereita que se atreve a dicir case calquera cousa e que entre comiñas xustifica certas accións, reivindicar a memoria de como chegamos ata aquí, os procesos que deron nos dereitos nos que gozamos e as cousas que faltan por conquistar é importantísimo".

López Escudeiro, pola súa banda, salienta que "agora, cos pequenos avances que está a haber na sociedade sobre estes temas, a xente dos diferentes colectivos asume de xeito máis natural a súa identidade e hai menos medo en visibilizala. E un xeito de o facer é recoñecer que tivo un pasado. E dentro dese recoñecemento da naturalidade da identidade sexual das persoas temos que enfocar tamén a represión que se exerceu por parte do franquismo e tamén anos despois sobre estes colectivos. Esta recuperación da memoria é tamén parte da construción desa identidade". Mariám Mariño, á súa vez, sinala que "o interese actual pola memoria destes movementos ten moito que ver coa propia política, co feito de que se recoñezan dereitos, e tamén co traballo de fondo que xa se fixo. Esta maneira de cuestionar ese sistema homoxéneo e único de pensar o que é a historia e a memoria das persoas atinxe a moitos aspectos. Algo que nos anos noventa podía considerarse residual, como o trans que agora se fixo moi visible, xera un caldo de cultivo importante e dá pé a que se reclamen unha serie de dereitos. Nun momento dado, comezou a se abordar a memoria das mulleres, a da xente emigrante, e agora toca isto".