O MARCO abre a exposición de Glenda León 'Música das formas'

A artista cubana fai dialogar arte plástica e conceptos musicais na súa proposta nas salas do museo vigués

Glenda León. Metamorfose (serie II, n.1), 2018. Dúas tapas de piano ensambladas formando unha bolboreta. 120 x 180 x 180 cm
Glenda León. Metamorfose (serie II, n.1), 2018. Dúas tapas de piano ensambladas formando unha bolboreta. 120 x 180 x 180 cm
Tras o seu paso polo MEIAC de Badaxoz, a artista Glenda León (A Habana, Cuba, 1976) chega a Vigo coa exposición 'Música das formas', que completa a programación do MARCO para esta tempada. O proxecto foi posible grazas á colaboración co MEIAC, que comparte co MARCO o seu pasado como cárcere; un feito directamente relacionado con algunhas das obras presentes nesta exposición.A proposta articúlase en dous espazos que trazan un percorrido por obras clave na traxectoria de Glenda León –instalacións, series de debuxos, esculturas, fotografías, obra sobre papel, instalacións in situ– dende 2008 ata a actualidade, que combinan diferentes técnicas e soportes. A montaxe e disposición das obras saca partido das peculiaridades das salas do Museo, en diálogo sutil cos espazos, adaptando as pezas ás súas dimensións, trazado e altura, cunha obra producida especificamente para este proxecto –Xardín emocional (2011-2021)– que debuxa unha liña lonxitudinal ao longo do podio central da primeira sala.

Glenda León , que estudou ballet clásico, filoloxía e historia da arte na Habana, comezou a expoñer en 1999. Segundo comunica ao MARCO, a propia artista sinalaba nunha entrevista en 2013: "A música foi unha fonte de inspiración para min dende noviña. Por iso quixen ser coreógrafa durante moitos anos. Entón decateime de que o ingrediente principal destas ideas coreográficas da época era o visual". Ese é o núcleo deste proxecto e da súa obra; a síntese entre os sons e o visual.


En palabras do comisario da mostra, José Jiménez: "hai un dinamismo que brota do diálogo coas formas do son, da música, que está xa presente dende a época en que se produxo a invención cultural da arte, na Grecia Clásica. E é tamén nese contexto onde se percibe a relación entre os sons musicais e os movementos dos astros, o que Pitágoras denominou 'armonía do cosmo' ou 'música das esferas'. A música das esferas lévanos á música deste mundo, no que vivimos: de arriba abaixo, e de abaixo arriba. Son estas cuestións centrais para situar a traxectoria e o traballo artístico de Glenda León".
Ligazóns