Quintana Martelo leva os contedores urbanos ao MARCO

A nova exposición do artista presenta a súa serie 'Containers' nas salas do espazo vigués

 Quintana Martelo. Duque de Medinaceli, 9. Serie Containers, 2015  Técnica mixta sobre papel. 32x29,7 cm
Quintana Martelo. Duque de Medinaceli, 9. Serie Containers, 2015 Técnica mixta sobre papel. 32x29,7 cm
O Museo de Arte Contemporánea de Vigo - MARCO, inaugura hoxe a exposición de produción propia 'Containers. 2012 - 2021' de Quintana Martelo. Esta exposición, que estará nas salas da planta baixa ata o vindeiro 27 de febreiro, reúne por vez primeira a serie que lle dá título, practicamente inédita, na que Manuel Quintana Martelo (Roxos, Santiago de Compostela, 1946) leva traballando sen interrupción dende 2012 retratando so contedores nos que se recollen refugallos de obras nas rúas das cidades. Xunto aos cadros da serie, que se exhiben en diferentes formatos, a mostra inclúe bosquexos preparatorios, debuxos e acuarelas de grande escala, de forma que a montaxe no seu conxunto permite coñecer en detalle o modo de traballar do artista, e a súa resposta ante distintos soportes. Posteriormente á súa exhibición en Vigo a mostra viaxará á Sala Rekalde (Bilbao, Deputación Foral de Bizkaia), onde se exhibirá a partir do mes de marzo de 2022, como resultado da colaboración entre ambas as dúas institucións.

Contedores
Durante os últimos sete anos, Quintana Martelo centrouse nunha serie de cadros nos que o motivo, o punto de partida, a escusa, son os contedores que atopa nas cidades que visita. Todos teñen un trazo común que consegue chamar a atención: inicialmente, unha presenza escultórica definida, unha composición atractiva e un impacto visual. A serie está baseada nun conxunto de contedores, tratados como presenzas escultóricas, pero tamén como bodegóns urbanos. Segundo o comisario da exposición, Juan Manuel Bonet, grazas a esta serie descubriu "un novo aspecto da cidade". "A arte axúdanos, unha vez máis, a ver o mundo. Brassaï e outros fotógrafos, e pintores como Dubuffet ou Tàpies, ensináronnos a ver os graffiti", sinala ao tempo que agradece a esta mostra o terse "decatado de que, unha vez máis, o espectáculo, si, está na rúa, e da cantidade de colectores que poboan as rúas de Madrid e do resto das cidades españolas".
Ligazóns