O MARCO sinala a finais de marzo para o comezo dunha nova programación expositiva

A reapertura das salas de exposición da planta baixa recuperará algúns dos espazos máis singulares do edificio

A reapertura das salas de exposición da planta baixa recuperará algúns dos espazos máis singulares do edificio
A exposición "4 PROXECTOS" prevista para o 26 de marzo abrirá a tempada expositiva do MARCO de Vigo. Esta proposta reunirá proxectos dos artistas Mónica Alonso, Mar Vicente, Salvador Cidrás/Juan Cidrás, e Rosendo Cid, concibidos especificamente para cada un dos espazos da planta baixa do edifico, que volverá a ser usado para estes fins, recuperando para o público algúns dos espazos máis singulares do edificio. "4 PROXECTOS" exporase ata o 29 de agosto e será a primeira acción para este ano da institución dentro da nova programación, que inclúe desde mediados de abril a mostra individual de Din Matamoro Etérea nas salas do primeiro andar, que coincidirá no tempo coa mostra Música das formas de Glenda León, posible grazas á colaboración co MEIAC de Badaxoz. Xa en setembro a programación inclúe unha mostra de Manuel Quintana Martelo e outra de Alfredo Alcain. En outubro o MARCO acollerá a exposición do XXV Maratón Fotográfico "Concello de Vigo" ata decembro.

O xoves 28 de xaneiro de 2021 tivo lugar por vía telemática a reunión do Padroado da Fundación MARCO que, entre outros asuntos de relevancia, fixo balance de 2020 e aprobou a programación de exposicións previstas para 2021, sempre que a situación sanitaria o permita. A Dirección do Museo fixo énfase na necesidade de continuar a liña de traballo iniciada a finais de 2019, mantendo activa a programación e dando prioridade ás necesarias tarefas de mantemento do edificio e da súa infraestrutura. O Padroado aprobou un balance considerado positivo tras un ano especialmente complexo, ao longo deste 2020 conseguiuse manter a actividade cultural en condicións sanitarias seguras, e paralelamente avanzar en tarefas prioritarias a medio e longo prazo que teñen que ver co mantemento das instalacións. Ao mesmo tempo, avanzouse na colaboración con outras institucións (Universidade de Vigo, Fundação Carmona e Costa, Instituto Camões, AC/E, Fundación "la Caixa", Fundación Sabadell, Fundación ABANCA) e museos, nomeadamente o MEIAC de Badaxoz para a coprodución e itinerancia das exposicións de Celeste Garrido e Glenda León en ambas as dúas sedes.
Ligazóns