Revenidas e Armadiña Rock volven a levantar os palcos en 2021

Adianta as datas de celebración este verán tras da súa desaparición en 2020

Adianta as datas de celebración este verán tras da súa desaparición en 2020
Os festivais seguen crecendo en presenza no calendario e esta semana adiantáronse novas datas de celebración así como algúns nomes de artistas, para citas xa convocadas. O 17 Ribeira Sacra ven de pechar hoxe mesmo o seu cartel para esta edición, xa confirmada desde xaneiro. Con The Gift, Silvana Estrada, Alberto&García, Terrier, Sofía Comas, Rapariga dj e Ángel Carmona o festival completa a súa oferta para esta quinta edición.

Armadiña galega
O pasado ano o festival de Combarro Armadiña Rock anulou a súa celebración e, no seu lugar, promoveu a edición dunha banda deseñada: O ultimo festi, de Pablo Prado e Fernando Llor. Puido presumir a organización do evento de ser o primeiro festival musical reconvertido neste formato, pero este ano non lles fará falta facer esa cabriola e poderán levar a cabo un festival coa música en directo. A organización así ven de confirmalo xunto coas datas, que serán o 20 e 21 de agosto na Praza da Chousa da localidade pontevedresa, cun formato de presentación adaptado aos protocolos sanitarios vixentes e cunha oferta artística baseada completamente na escena musical galega. As novidades ao respecto irán comunicándose a través das redes sociais e da páxina web do evento.

Revenidas recuperadas
Desde Vilaxoán, en Arousa, a organización do festival Revenidas anuncia hoxe que o evento se celebrará nos próximos 9, 10, 11 e 12 de setembro. O festival vilaxoanés volverá combinar de novo actividades para todos os públicos con concertos -que anunciará a próxima semana-, música a bordo de embarcacións tradicionais e distintas actividades gastronómicas e interdisciplinarias ligadas ao territorio e á cultura mariñeira da zona e das Rías Baixas. Os abonos mantidos desde o 2020, cando se realizou unha "edición en conserva" ante a imposibilidade de facela nunha condicións axeitadas, terán preferencia para canxealo automaticamente como premio á súa fidelidade. No caso de querer solicitar a devolución do seu importe, tamén será posible. A plataforma de venda contactará con todas as persoas compradoras para facilitarlles máis información e que poidan escoller a opción que mellor lles conveña. Dese a organización remarcan a posibilidade de levar a cabo esta edición polo apoio demostrado polos seus patrocinadores públicos e privados.

Orballo espallado
O ciclo de concertos da comarca da Costa da Morte ven de engadir, como era previsto, novas localizacións para os seus eventos de este verán. Se xa eran coñecidos os concertos que se ían celebrar no Forum de Carballo (os de esta fin de semana adiados ata agosto por motivos climatolóxicos) o ciclo ven de engadir toda unha programación a celebrar en Malpica con sete citas para o mes de xullo. Nomes como Caamaño & Ameixeiras, Belem tajes, Su Garrido, Fabulous Resaca Brothers, Johnny B Zero entre outros moitos pasarán pola localidade de Bergantiños