Vinte entidades profesionais da cultura reparten axudas da Deputación da Coruña

A entidade resolve a súa convocatoria dotada con 200.000 euros

A Área de Cultura da Deputación da Coruña daba a coñecer este 13 de maio a resolución da súa convocatoria de axudas a entidades profesionais do sector. En total vinte colectivos que representan diferentes sectores da cultura son as beneficiadas desta liña dotada cun total de 197.238 euros. A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, a Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil, a Federación de Libreiros de Galicia, a Academia Galega do Audiovisual, a Asociación de Produtoras Independentes a Coordinadora Galega de Festivais de Cinema, a Federación Galega de Bandas de Música Populares, Músicas ao Vivo, Salas de Música ao Vivo "Clubtura" ou Asociación Galega de Empresas Musicais, Escena Galega ou a Asociación Galega de Actores e Actrices de Galicia son algunhas das beneficiarias.

A AELG, con 30.000 euros, a Asociación de Actores e Actrices, con 23.000 e mais a Academia Galega do Audiovisual e a Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas, con 18.000, son as entidades máis beneficiadas da convocatoria. A resolución distribuíu nesta ocasión case 23.000 euros máis a respecto de 2020, e chegou a cinco entidades a maiores.