Ana Míguez na sede da AGA. Fonte: AGA / Autora: Tamara de la Fuente
Xa está de saída do cargo, por obriga estatutaria, pero a ela tocoulle estar ao fronte da Academia Galega do Audiovisual (AGA) neste momento e tamén desde a súa actividade profesional como directora de produción de Portocabo, empresa coa que sacou proxectos de tanto éxito como a serie 'Hierro' ou a coprodución internacional 'Auga seca', ademais da primeira longametraxe producida, 'Cuñados', que está a deixar marcas na asistencia do público a selas este 2021. Con Ana Míguez facemos un repaso do que pasou este ano no sector, dos retos de sacar adiante producións e estreas no medio da pandemia, a oportunidade das plataformas dixitais e os riscos do contexto, así como de retos futuros da propia academia e o audiovisual en Galicia, no que ela espera seguir implicada tanto desde a súas posición profesional e nas asociacións como colaborando coa propia academia, que pronto elixira unha nova directiva.
CG: Na recente modificación de estatutos da Axencia Galega de Industrias Culturais engadiuse xa organicamente o Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) renomeado coma Filmoteca de Galicia ao Departamento de Políticas Audiovisuais da axencia, que aínda non ten designado un responsable. ¿Que agardan no sector desta incorporación? A Axencia ten uns recursos humanos limitados e meter o CGAI así, sen ter máis persoal xa é duro porque non lle dá para atender esa xestión axeitadamente co resto das políticas audiovisuais de subvencións e programacións. O CGAI debera ser unha entidade por si mesma, é o que merece. Hai que lembrar que xa tivo moita máis actividade da que estaba a ter, alén da de restauración de filmografía antiga e dos ciclos de exhibición e precisamos que teña un valor que vaia máis alá diso, con actividade que sirva para promocionar máis o cine galego, que sexa unha entidade máis sólida e cunha dedicación especial ao cine galego. CG: Desde fai tempo que a necesidade dunha Film Comission galega está sobre a mesa e foi reivindicada por varios axentes do sector ¿Pode ser este o momento perfecto? Xa sería moi bo ter canda menos unha web con todos os profesionais que hai e os recursos aos que se pode acceder, incluíndo incentivos fiscais así coma un catálogo de localizacións. Todo iso facilitaría tanto a promoción no exterior do noso audiovisual, como apoio para ir a mercados, coma a posibilidade de que empresas de fóra veñan traballar aquí e que fagan en Galicia todas as fases do proceso completo de produción, sen ter que usar recursos ou estudios de Madrid, por exemplo. ¿Debería incluírse dentro dese departamento de políticas audiovisuais de AGADIC? A Film Comission debe ser algo que se manteña no tempo coma algo estable, independente de quen goberne. Volvo ao de antes, AGADIC necesitaría ter máis xente, ou diversificar e encargar ese servizo a terceiros. Ademais unha Film Comission é algo que ten unha complexidade transversal, non é so unha cuestión do departamento de Cultura do goberno, tamén inclúe turismo, economía, facenda, interior... Implica unha serie de servizos moi diversos, paralelos á produción e que requiren coordinar moitos departamentos. Xustamente agora estamos a ter reunións entre Agapi, o Clúster do Audiovisual e a Academia coa meta de incrementar a produción audiovisual nun 30% nos vindeiros anos grazas a o hub audiovisual-industria cultural que pretende impulsar a Xunta e hai unhas partidas económicas con fondos do programa europeo REACT-EU para a recuperación logo da pandemia de Covid-19 que irían na dirección desa Film Comission. O diñeiro debe usarse para un ben común de todo o colectivo e dentro das achegas presentadas para o crecemento do sector sempre estivo a da Film Comission que responde a ese ben colectivo. Espero que nos dean esa alegría."NAS PLATAFORMAS CHEGAN PRODUTOS DE TODOS OS PAÍSES E XA ESTÁ NORMALIZADO QUE HAXA MOITAS LINGUAXES DIFERENTES NOS AUDIOVISUAIS, PARA ELES ISO NON SUPÓN UN PROBLEMA. A HBO, NETFLIX OU AMAZON SÓ LLES IMPORTA O PRODUTO, A SÚA CALIDADE"
CG: Agora vai deixar xa o posto de Presidenta da AGA, da que antes foi vicepresidenta ¿Que cousas considera que lle quedaron pendentes? Si, eu estou encantada de poder achegar algo ao sector a través da Academia pero polos estatutos non podo presentarme, xa que non se pode estar en máis de dúas directivas consecutivamente e eu xa fun vicepresidenta anteriormente. Non sei aínda que haxa candidatura presentada, eu podería seguir como vogal e encantaríame facelo. Fixemos o mes de cine galego pero eu quedei con ganas de facer un ano enteiro. Tamén de poder sacar adiante esa base de datos dos profesionais do audiovisual e igualmente de ver desenvolver axeitadamente o Estatuto do Artista, que Carlos Ares defendeu no Congreso dos Deputados e que se aprobou pero quedou coma unha ferramenta para un subsidio, máis que coma un apoio a unha parte importante da profesión, que que é o que debera ser. Ademais diso quedan pendentes algúns cambios nas bases dos Premios Mestre Mateo, que coma a academia son do audiovisual, non só do cine e a televisión, e iso hoxe en día comprende moitos formatos. Chegamos no 2022 á XXª edición dos premios e hai que reflexionar, pensar no que ven, igual hai obras que agora non entran en ningunha categoría e hai que adaptarse. Están os videoxogos, o 3D, os produtos de aplicacións para móbiles, etc... O audiovisual ten un crecemento moi rápido e hai ramas que agora non temos contempladas nos premios, e haberá que estudialo e mirar para adiante."A FILM COMISSION DEBE SER ALGO QUE SE MANTEÑA NO TEMPO COMA ALGO ESTABLE, INDEPENDENTE DE QUEN GOBERNE"
CG: As restricións da pandemia, o confinamento e os medos aos eventos restáronlle moito público ás salas de cine en favor das plataformas dixitais, que experimentaron unha suba sen precedentes de espectadores. ¿A situación ameaza a supervivencia dunhas salas de cine que xa estaban tocadas previamente? Nas estreas en 2020 houbo mesmo combinacións entre salas e plataformas. Agora fálase moito de como se disparou na pandemia o consumo audiovisual en liña nas plataformas, da aceleración da produción de contidos audiovisuais e de como se modificou a escala mundial o xeito de ver o cine. Estamos falando dunha modificación que sucedeu nuns poucos meses, pero aí vese como o mundo audiovisual é tan cambiante que algo moi anecdótico pode influír moito na maneira de traballar dunha industria. No 2020 foron moitas as "majors" (distribuidoras multinacionais) que adiaron estreas ou as levaron directamente a unha plataforma dixital na que tiveran intereses. Pero a xente si que bota de menos volver ao cine e eu creo que as salas manteranse, aínda que será dun xeito distinto ao que era ata o de agora. Hai unha idea de mantelas como espazos temáticos, de ocio. Haberá salas Warner, salas Disney, sitios onde pasar un día en familia e onde haberá encontros coas personaxes, actividades a maiores das proxeccións... As salas volverán con distintos formatos, incluso proxectando musicais de Broadway, ou mesmo capítulos finais de series que teñen un público disposto a velos en grupo e ene pantalla grande, por exemplo, imaxina o capítulo final de Xogo de Tronos visto así, habería xente disposta a pagar unha entrada por iso! Tamén seguirá habendo espazos para o cine menos comercial e de autor. CG: No 2020 o audiovisual conseguiu non parar a produción, pero foi con grandes esforzos no relativo a protocolos e seguridade. ¿Como foi ese esforzo para o sector? Non é só facer a produción, a verdade é que convértese nunha complicación e nun gasto extra considerable, máis alá do protocolo. O máis importante é que precisas dun equipo concienciado, de nada sirve que fagas PCR se o teu equipo está en contacto con outras persoas, tes que estar nunha burbulla, convértese nunha corentena. Tes que estar en burbulla e facer cribado todas as semanas porque podes ter que paralo todo nun momento dado. Eu tiven moita sorte fixen tres producións pero ademais dos protocolos hai ese custe , aloxamentos, gasto médico, non podes maquillar coa mesma brocha a dúas persoas, precisas fundas nos micros... Previr é un gasto grande e non hai ningún seguro que cubra a pandemia. As plataformas dixitais agora teñen unha partida para todas esta asistencia ás producións que elas encargan directamente, pero no resto, a maioría, faise a risco e tes todo ese gasto a cubrir. Eu estiven filmando en Vigo e todo moi ben pero estaba a hostalería fechada, tes que acondicionarte a un toque de queda, todo o día facendo salvocondutos, PCR de saída e de volta, non tes hostalería pero non podes comer na rúa co servizo do camión, había días que alugabas baixos para poder comer con distancia social montando mesas. CG: Nas producións audiovisuais máis novas que estamos a ver aparece reflectida a vida normal, a de antes da pandemia, pero aínda non xurdiu ningunha historia que teña lugar no contexto pandémico actual, coas máscaras, os toques, de queda, os distanciamentos físicos... ¿Veremos este tempo integrado como contexto de realidade en vindeiras obras? Non sei de ningunha produción que o fixera ou o estea a facer pero podería ser, gravar o que agora é común e ver que nunha serie ou nunha película a xente vaia pola rúa con máscara, pero creo que non se fai porque esta situación doe moitísimo. É unha realidade que a xente non quere ver na pantalla, a xente o que quere é que pase. Probablemente no futuro haberá moitas historias, coma en calquera desastre, pero agora non quere que se trate dun xeito normalizado, se segue terá que ser, pero estamos co desexo de que sexa algo que vai pasar. Mentres seguimos a amosar o que para nós sempre foi e queremos que sexa a realidade normal."HAI OBRAS AUDIOVISUAIS QUE AGORA NON ENTRAN EN NINGUNHA CATEGORÍA DOS MESTRE MATEO E HAI QUE ADAPTARSE"





