Os ollos do audiovisual

'Ons' sae como grande vencedora duns atípicos XIX Premios Mestre Mateo

'Ons' sae como grande vencedora duns atípicos XIX Premios Mestre Mateo
Gala XIX Mestre Mateo Foto: AGA
A XVIIIª edición dos Premios Mestre Mateo do audiovisual en 2019 foi talvez o último dos grandes eventos culturais en poder celebrarse antes do primeiro estado de alarma, unha semana antes, xustamente. Agora, malia ter que facer axustes de calendario, formato e capacidade de asistencia, a XIXª edición dos premios da Academia Galega do Audiovisual ven tamén de saír adiante volvendo servir de escaparate da produción galega en cine e televisión, aínda que xa non tanto coma punto de encontro social da profesión debido ás limitacións de asistencia.

O Teatro Colón da Coruña, un escenario tamén atípico para o evento, acollía este sábado pasado ás seis da tarde, horario adaptado ás limitacións do toque de queda, unha gala que repartía os seus 25 galardóns técnicos e artísticos provocando, iso si, as mesmas emocións que sempre: nervios, bágoas, risos e sorrisos expresados máis polos ollos que polos beizos, invisibles tras das máscaras de obrigado uso. 120 Persoas, entre posibles gañadores e autoridades, eran o público presencial nun espazo pensado para 800 espectadores. A gala, en todo caso era retransmitida en directo pola Televisión de Galicia. Ante o necesario uso das máscaras, os ollos, máis ca nunca, foron as canles das emocións transmitidas.

Xavi Fonte e Alfonso Zarauza, recollendo o premio a mMellor Longametraxe por 'ONS' Foto: AGA


ONS gaña a Sálvora
Desde o anuncio das candidaturas finalistas quedar a claro que a gran partida xogábase entre dúas producións, casualmente ambientadas en dúas illas das nosas costas. A illa das mentiras, de Paula Cons e ONS, de Alfonso Zarauza acumulaban e competían entre elas nos postos finalistas da meirande parte de premios. Foi finalmente a proposta contemporánea, a de Zarauza, a que acadou o maior número de galardóns no palmarés, saíndo do Teatro Colón con ata nove cabezas do Mestre Mateo, entre elas algunhas das máis relevantes artisticamente coma a de mellor película e mellor guión, ademais de premios para os seus dous actores protagonistas masculino e feminina e tamén para a mellor actriz de reparto. Non saíu coas mans valeiras A illa das mentiras, que entre os cinco premios acadados obtivo para Paula Cons o de Mellor Dirección e para Milo Taboada o de Mellor actor de Reparto.

As académicas e académicos tamén elixiron Nación de Nós Produtora Cinematográfica Galega coa participación de Televisión de Galicia como mellor documental, Néboa, de RTVE e Voz Audiovisual, como mellor serie de televisión e Cinephilia, de Noveolas Producciones e Telemiño, como mellor programa. Desde o mar, de Juan Galiñanes e Kaito Estudios, foi distinguido co premio a mellor anuncio publicitario, Muinheira de Interior, de Xaime Miranda, co de mellor videoclip, e Carne de Abano Producións e Xoves de comadres, de Islandia Producciones, gañaron cadanseu galardón a mellor curtametraxe de animación e imaxe real. Xan, de Lucía Estévez e Miguel Canalejo foi distinguida como Mellor Serie Web. O resto de premiados da noite foron Rodrigo Vázquez, mellor comunicador co programa Quen anda aí?; Marcos Estebo, Diego Guerrero e Mónica Ares mellor realización por Cos pés na terra e a Orquestra Fugaz de Improvisación mellor música orixinal pola banda sonora de 9 Fugas.

Nesta ocasión foron dous produtos televisivos non relacionados coa televisión pública galega os vencedores nas categorías de serie e programa: Néboa, de RTVE e Voz Audiovisual, como mellor serie de televisión e Cinephilia, de Noveolas Producciones e Telemiño, como mellor programa. A canle pública tamén foi obxecto de algunhas reivindicacións no momento das recollidas de galardóns. Así foi no caso de subida de Melania Cruz a recoller os seu premio como Mellor actriz Protagonista, por ONS, en apoio do colectivo Salvemos a Galega e tamén no caso da cineasta Margarita ledo, que ao recoller o premio de Nación facía súa a mensaxe da Marcha Mundial Mulleres Galiza contra un episodio ocorrido esta semana no programa Land Rober Tunai Show da TVG.

Gala áxil e entretida
As restricións non afectaron á proposta escénica da propia gala. Baixo a dirección de Tito Asorey acadouse un espectáculo tan áxil e desenfadado que podería servir de referencia para outros eventos. Cun deseño de escenario moi sinxelo e reminiscencias a un salón dunha casa, a presentadora do espectáculo, Lucía Veiga, estivo acompañada pola presenza constante da agrupación musical De Vacas desde un sofá, que puxeron a música e animación nun nivel moi alto, sempre na súa liña de coller músicas populares adaptando as súas letras, neste caso ás producións e incluso aos presentadores dos premios. Diversas personalidades da pequena e gran pantalla levaban ao escenario coas entregas o punto indispensable de 'glamour' dunha factoría de soños cunha moi limitada alfombra vermella. Pasaron polas táboas a anunciar os diferentes premios Bárbara Grandío, Diego Viaño, Esther Estévez, Iria Sobrado, Isabel Blanco, Luis Iglesia, Marta Larralde, Miguel de Lira, Pilar García Rego, Susana López, Susana Sampedro e Xosé Barato. Cabe destacar do guión preparado polo equipo de Asorey para a gala un esforzo de concepto e tamén de comunicación que se reflectiu na ausencia de determinadas palabras que este ano colleron un triste protagonismo nas nosas vidas para deixalas fóra durante un par de horas de festividade canda menos. Unha proxección lembraba xa nos créditos de despedida que durante o espectáculo evitouse pronunciar en ningún momento unha curta lista que incluía :"virus; pandemia; covid 19; toque de queda; confinamento."

Como é habitual un dos momentos emotivos do evento chegou coa entrega do premio de Honra Fernando Rey, que ía ao actor, director, dramaturgo e mestre de actores Manuel Lourenzo. A encargada da súa presentación foi a actriz Luísa Merelas, que aproveitaba emocionada para lembrar e agradecer como os seus inicios na arte dramática, de adolescente, tiñan moito que deber con que Lourenzo a convidades a formar parte da Compañía de Teatro Independente do actor. Unha pechada e longa ovación en pé de todos os asistentes recibiu ao homenaxeado, que tivo que ir pedindo que se rematase para dar o seu discurso, de agradecemento a toda a profesión e recoñecemento de todos aqueles cos que compartiu o traballo, "de todos aprendín", asegurou humilde.

Amosando músculo
Lucía Veiga, antes de presentar á Presidenta da Academia, Ana Míguez, para o seu discurso institucional, lembraba como o audiovisual galego afrontou o complicado ano 2020 sacando músculo e impulsando a produción contra marea. A presentadora daba pàso deste xeito á estrea absoluta no marco dos XIX Mestre Mateo, do vídeo #FilmsFromGalicia que este ano levará a Xunta coma ferramenta de promoción por festivais, mostras, mercados internacionais e salas de cine para que sirva de escaparate da mellor produción audiovisual galega e que inclúe imaxes de producións estreadas ou filmadas durante o pasado ano.



Ana Míguez, na súa intervención institucional en representación da Academia Galega do Audiovisual afirmaba rotunda que talvez no sector estiveran "ao 50% da aforo, pero ao 100% de ilusión". Con discurso en feminino a presidenta lembrou o gran consumo que tiveron os produtos audiovisuais no 2020 e sinalou a unha necesaria captación de interese para o audiovisual galego: "queremos que nos miren, pero tamén que traballen aquí e invistan aquí", dixo. A representante quixo deixar claro que a fonte do talento xurde dun previo fomento, "nace da educación e da cultura" e animou a manter vivo a ilusión a pesares dos reveses e a sacar adiante máis traballos: "debemos soñalo, debemos facelo, debemos conseguilo", rematou.


GAÑADORAS XIX PREMIOS MESTRE MATEO

MELLOR ANUNCIO PUBLICITARIO: DESDE O MAR (Juan Galiñanes e Kaito Estudios)
MELLOR CURTAMETRAXE DE ANIMACIÓN: CARNE (Abano Producións, S.L.)
MELLOR CURTAMETRAXE DE IMAXE REAL: XOVES DE COMADRES (Islandia Producciones)
MELLOR DOCUMENTAL: NACIÓN (Nós, Productora Cinematográfica Galega, S.L. coa
participación da T elevisión de Galicia)
MELLOR LONGAMETRAXE: ONS (Maruxiña Film Company e Bando Á Parte coa participación da
T elevisión de Galicia)
MELLOR PROGRAMA TV: CINEPHILIA (Capítulos 20-52) (Noveolas Producciones e T elemiño)
MELLOR SERIE DE TELEVISIÓN: NÉBOA (CAP. 1-8) (RTVE e Voz Audiovisual)
MELLOR SERIE WEB: XAN (CAP. 1-3) (Lucía Estévez e Miguel Canalejo)
MELLOR VIDEOCLIP: MUINHEIRA DE INTERIOR, Boyanka Kostova (Xaime Miranda)
MELLOR COMUNICADOR/ A DE TELEVISIÓN: RODRIGO VÁZQUEZ (Quen anda aí? , Caps. 1-149)
MELLOR DIRECCIÓN: PAULA CONS (A Illa das Mentiras)
MELLOR DIRECCIÓN DE ARTE: ANTONIO PEREIRA (A Illa das Mentiras)
MELLOR DIRECCIÓN DE FOTOGRAFÍA: ALBERTE BRANCO (AEC) (Ons)
MELLOR DIRECCIÓN DE PRODUCIÓN: TAMARA SOTO (Ons)
MELLOR GUIÓN: ALFONSO ZARAUZA e JAIONE CAMBORDA (Ons)
MELLOR INTERPRETACIÓN FEMININA DE REPARTO: MARTA LADO (Ons)
MELLOR INTERPRETACIÓN FEMININA PROTAGONISTA: MELANIA CRUZ (Ons)
MELLOR INTERPRETACIÓN MASCULINA DE REPARTO: MILO TABOADA (A Illa das Mentiras)
MELLOR INTERPRETACIÓN MASCULINA PROTAGONISTA: ANTONIO DURÁN "MORRIS" (Ons)
MELLOR MAQUILLAXE E PERRUQUERÍA: RAQUEL FIDALGO e PATRICIA VILELA (A Illa das
Mentiras)
MELLOR MONTAXE: FERNANDO ALFONSÍN (Ons)
MELLOR MÚSICA ORIXINAL: ORQUESTRA FUGAZ DE IMPROVISACIÓN (9 Fugas)
MELLOR REALIZACIÓN: MARCOS ESTEBO, DIEGO GUERRERO e MÓNICA ARES (Cos pés na
terra, Caps, 109-121)
MELLOR SON: SÉRGIO SILVA e DAVID MACHADO (Ons)
MELLOR VESTIARIO: EVA CAMINO (A Illa das Mentiras)