Redrum Teatro estrea en Ourense a comedia ' Un home con lentes de pasta'

Alex Sampayo volve sobre un texto de Jordi Casanovas como xa fixera en 'Idiota'

O Teatro Principal de Ourense acollerá os próximos días 7 e 8 de maio ás 20.00 h. a estrea de Un home con lentes de pasta, unha comedia imprevisible escrita por Jordi Casanovas que a compañía Redrum Teatro trae ao galego baixo a dirección de Alex Sampayo e cun elenco de catro intérpretes conformado por Guillermo Carbajo, Sheyla Fariña e os actores ourensáns Laura Míguez e Fernando González. A obra, que conta co apoio da Xunta de Galicia a través da liña de axudas á creación escénica da Agadic e coa colaboración do Concello de Rianxo a través dunha residencia artística, preséntanos a Sheyla, que acaba de ser abandonada pola súa parella. Os seus amigos Laura e Fer buscan animala para que aproveite a oportunidade e cumpra un vello desexo: escribir. Traerán a cear a Guillerme, un poeta capaz de namorar cuns versos. Pero a Guillerme non o van satisfacer as conversas banais nin os frívolos momentos de distensión. O escritor desexa algo máis. E Sheyla, Laura e Fer son máis fráxiles do que cren e as súas vidas penden dun fío, algo que Guillerme non vai desaproveitar. A obra xa ten algunhas datas de xira confirmadas para pasar por Teo (17 setembro), A Guarda (9 de outubro), Rianxo (22 de outubro) ou Cariño (23 de outubro).

Esta comedia estreada en Barcelona no 2010 recibiu o premio da crítica Serra D'or ao mellor texto teatral, o de mellor espectáculo nos premios Time Out no 2011, o premio Mi Butaquita de mellor obra no 2014 e estivo nomeada ao mellor texto catalán nos Premios Max do 2011. "Esta é unha comedia con xiros que sorprenderán e divertirán o público e na que conflúen unha gran cantidade de influencias que van dende Woody Allen, na súa forma de relatar as relacións humanas, até Ionesco, con esa comicidade cruel e absurda, pasando por Alfredo Sanzol, que ten ese ton de realismo máxico co que se trata unha clave fundamental da comedia: a verdade", explicou Alex Sampayo nunha rolda de prensa no espazo ourensán. As entradas para ambos os dous días de función sairán á venda o martes 4 de maio, poderanse adquirir a través da plataforma Atquilla.com e no despacho do proio Teatro Principal en horario de 12.00 h. a 14.00 h., así como os dias de funcións dúas horas do seu comezo. Na súa intervención, Sampayo puxo en valor tanto "a calidade como a vixencia" desta comedia escrita por Jordi Casanovas, a quen definiu como un dos dramaturgos máis destacados e exitosos do panorama estatal actual, xa que ademais de asinar textos cargados de comicidade, crítica e ironía como é Un home con lentes de pasta ou Idiota, a anterior montaxe da compañías galega, tamén escribiu obras tan pegadas á actualidade como como Ruz-Bárcenas ou Jauría.
Ligazóns