Redrum estrea en Santiago a comedia negra'Idiota'

Machi Salgado e Susana Sampedro protagonizan a montaxe sobre texto de Jordi Casanovas

| Santiago. S. Montes | Seccións: Espectáculos
Compartir:
Redrum estrea en Santiago a comedia negra'Idiota'

Ningún de nós le con atención a letra pequena de todo o que asinamos ou ao que damos consentimento, comenta Álex Sampayo, a partir desa premisa a obra Idiota ofrece unha comedia que torna en thriller escurecéndose a un ritmo vertixinoso durante os seus 70 minutos nos que non dá apenas respiro. "A letra pequena está feita para que non a leamos", asegura Machi Salgado, protagonista xunto a Susana Sampedro desta montaxe que estrea Redrum Teatro este mércores 6 no Teatro principal de Santiago. Ambos participaron hoxe na presentación desta estrea absoluta xunto ao director Alex Sampayo e á concelleira compostelá de Cultura, Branca Novoneyra. A obra propón aos espectadores un xogo de intriga na liña da comedia negra baseado na situación pola que pasa a personaxe de Carlos Varela, que buscando unha remuneración rápida a cambio de someterse a un test acaba véndose atrapado nunha situación chea de consecuencias indesexadas en base aos termos que aceptou previamente sen fixarse. "O texto atrapa, é moi rápido e non é denso", di Susana Sampedro. A actriz dá vida á directora da proba psicolóxica en nome dunha desapiadada organización sen escrúpulos. "Todos temos unha responsabilidade que non sempre asumimos como consumidores, votantes ou como cidadáns" explicaba Salgado ao falar da situación na que se ve o seu personaxe ao ter actuado despreocupadamente. Idiota é unha obra asinada polo catalán Jordi Casanovas, do que esta mesma semana estréase en Madrid Jauría, un autor apegado á actualidade e á vida real. Esta é a duodécima produción da compañía Redrum Teatro e estará en Santiago este mércores e xoves, inicialmente tamén ía estar o venres pero a convocatoria da folga feminista fixo cancelar esta representación, coa que se solidariza a compañía. A obra se representará proximamente o 12 abril no Teatro Colón de A Coruña e o 8 xuño no Auditorio da Illa de Arousa, o 4 de outubro abrirá a Mostra de Teatro de Riveira e o 18 dese mes estará Auditorio da Ramallosa en Teo.

Que che parece esta nova?
55 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Teatro, Comedia, Redrum Teatro, Alex Sampayo...