
Sobre a historia de #2Pilgrims prefírese non desvelar moito e deixar unha marxe de intriga ao público "que de seguro vai sorprenderse" coa obra, asegura Roberto Pascual. Podemos saber, iso si, que sobre o escenario os actores interpretaranse a si mesmos mesturando as súas traxectorias persoais no mundo da interpretación audiovisual cunha ficción nun xogo escénico referencial, de xeito que as experiencias propias combinaranse con supostos ficticios que teñen no Camiño de Santiago e na propia industria do audiovisual o seu contexto escénico. "O feito de falar de nós dá como un interese maior para o público e falar deste tema desde vivencias propias na contra de tirarlles para atrás fai que enganche máis", asegura Carbajo. Todo iso para tratar sobre unha serie de puntos de inflexión que a propia comunicación da compañía reúne baixo unha serie de etiquetas que van desde esas #novas_masculinidades e #igualdade ata o uso das #redes_sociais. "Ademais tanto Guille coma min vivimos tantas situacións relacionadas con esta temática que ¿para que inventar se temos o material?", concorda Sheyla. A necesidade de levar eses debates ante o público adolescente partiu, segundo Fariña, da anterior produción Invisibles, de Redrum teatro, na que xa se abordaba a violencia de xénero. "Nacía aí unha necesidade de falarlles aos mozos de que hai cousas polas que temos que pedirlles perdón, porque nacen nunha sociedade que os educa no dereito a facer según que cousas", asegura Sheyla Fariña. Ademais Carbajo tamén insistía na necesidade de achegarse aos adolescentes para atraelos como público. Outra das capas temáticas que a obra achega, segundo Fariña, e o do debate "que temos constantemente algunhas actrices e actores " entre o audiovisual e o teatro, presente tanto na historia de autoficción coma na súa presentación formal. "nos apetecía contar aos adolescentes a superficialidade do audiovisual e facer unha referencia con esa superficialidade que viven eles nas redes sociais" engade Carbajo.

Estrea e xira
A obra estrearase o vindeiro día 21 no Auditorio 'Manuel María' e por parte da MIT existe a intención de que a compañía aproveita a capacidade como plataforma de proxección da mostra para favorecer a promoción fóra do país. O espectáculo insírese dentro da convocatoria O Teu Xacobeo, seleccionado entre as centos de propostas presentadas a este programa da Xunta. A primeira xira presentada, tras a estrea, inclúe paradas en concellos que teñen en común formar parte do Camiño de Santiago e ter menos de 5.000 habitantes, como Triacastela (28 de xullo), Mondoñedo (29 de xullo), Rois (30 de xullo), Castroverde (31 de xullo), Rodeiro (1 de agosto), As Neves (3 de outubro), Vilalba (6, 7 e 8 de outubro), Oroso (15 de outubro), Cambre (24 de outubro), Muxía (27 de novembro) ou Padrón (10 de decembro). En Vilalba a xira inclúe dúas funcións para escolares e a intención da compañía é aumentar este tipo de funcións para chegar a ese público adolescente, na medida das posibilidades que vaia dando a situación sanitaria. "A vontade é facer unha xira para institutos para despois poder falar con eles", asegura Sheyla Fariña.