Momento da representación de 'Bicos con Lingua' de Talía Teatro
Segundo Manuel F. Vieites, director da Escola de Arte Dramática de Galicia, o 25% da actividades dos profesionais deste sector teñen que ver con ensino. No relativo aos propios centros de ensino hai algunhas compañías que teñen liñas de traballo dirixidas a eses ámbitos concretos, así como artistas en concreto do xénero do monologo e os contacontos que adoitan entrar polas portas dos colexios e institutos. Para iso preparan montaxes e propostas moi dirixidas a inserirse nas actividades de departamentos concretos de Historia ou Linguas, ou mesmo adscribíndose a campañas de igualdade e prevención da violencia de xénero, así como aproveitando puntos de oportunidade do calendario coma o Día do Libro, Día das Letras, Día da Muller, etc. Se esa actividade profesional resulta habitualmente complementaria do circuíto de salas de teatros neste momento concreto pode chegar a converterse nun espazo refuxio para algúns deles.
"Acabas facendo espectáculos incluso en aulas e tes que adaptarte, tes que baixar un pouquiño ao barro e sobre todo a unhas idades onde a maior parte de chavales e chavalas si que están para escoitarche pero outra parte non, son idades moi conflitivas e non é coma un público que entra voluntariamente nunha sala", di o director entrando noutro dos temas importantes que é o de enfrontarse a un público non afeito a ser público. " Houbo casos de funcións moi cómodas e outras moi moi incómodas. "Non teñen o hábito de saber estar, non saben que a súa opinión nun momento pode incordiar e ás veces opinaban en voz alta e non é que o fagan por mal nin por facerche a puñeta, senón porque non eran coñecedores de todo o protocolo, a liturxia do que é unha actuación teatral", asegura Artur. Convencer un público complicado Á xa natural complicación da adolescencia únese o descoñecemento da actitude coma público da xente nova, que pode vir negando a atención e comportándose dun xeito complicado cando están e grupo. Unha circunstancia que se intenta remediar coas ferramentas da profesionalidade. "Unha das cousas que tivemos claras era que estes espectáculos tiñan que ter un ingrediente fundamental, que é o humor, que se divertisen", asegura Trillo como remedio. "Sempre contamos a modo de anécdota deses chavales que entran no salón de actos así en plan malote, mirando para o chan, que non pensan facerlle caso ao espectáculo pero aos cinco minutos xa se están rindo". Tamén para Suso Martínez esa "loita" ten solución a través de levar un ritmo enorme e amosar grande paixón: "eu son bastante vehemente, os rapaces da adolescencia son moi guerrilleiros pero é moi difícil que se vaian do meu rollo porque o facemos dunha forma moi dinámica e metemos aí moita paixón, que os engancha no que dura. Tratamos de facelo moi potente, historias molonas, cousas locais. Por exemplo vas ao Cebreiro e contas lenda do Santo Grial e que Cabanillas dicía que estaba alí e aos rapaces iso chámalles moito a atención e sorpréndense". O narrador recoñece ter enfrontado con axuda do seu espectacular atrezzo algunha resistencia á manter o silencio e a orde: "Temos atopado un galiñeiro, que hai que ordenar a base de sacar o espadón e facerte o carolinxio". A ausencia do programa cultural no educativo A escola é un campo onde sementar cultura. A "Folla de Ruta para a Educación Artística" da UNESCO, xurdida tras da Conferencia Mundial de Lisboa en 2006 sobre este mesmo tema titulada "Construír capacidades creativas para o século XXI" contempla, entre os problemas sinalados para chegar a un grao de calidade nesta perspectiva educativa, que "con frecuencia os sistemas e os temas de interese culturais e educativos atópanse disociados e contan con dous programas distintos que adoitan moverse en direccións paralelas ou incluso opostas". A organización das Nacións Unidas apunta nas súas recomendacións á necesidade de fomentar as relacións de cooperación entre ambos sistemas e programas, unha indicación moi pertinente naqueles moitos casos en que educación e cultura son carteiras xestionadas por dúas oficinas diferentes, pero que non debería ser preciso recordar en casos como o de Galicia, xa que desde a última remodelación do Goberno Autonómico en 2020 as dúas competencias volven estar baixo a mesma consellería, como xa estiveran desde 2012, agás un breve período entre 2018 e 2020.ARTUR TRILLO: "DÁSE UNHA CIRCUNSTANCIA MOI CURIOSA. TODOS AQUELES CENTROS DE NOVA CREACIÓN QUE PODERÍAS PENSAR QUE ESTÁN MELLOR DOTADOS E É TODO O CONTRARIO. PORQUE NON PENSAN NESE AUDITORIO, SALÓN DE ACTOS, SALA DE USOS MÚLTIPLES, CONFERENCIAS, ETC. EN TROQUES, NOS CENTROS QUE VEÑEN DOS ANOS CORENTA, CINCUENTA E ATA SESENTA, OU QUE SON EDIFICIOS CASE HISTÓRICOS, POIS SI QUE TEÑEN UN AUDITORIO EN CONDICIÓNS"
En Galicia non existe un circuíto impulsado desde a Xunta propiamente cultural como tal na intención de achegar os espectáculos profesionais ao alumnado. Unha actividade moi acaíde nestes momentos para os "grupos burbulla" de escolares e que viría cumprir dun xeito máis completo co deber dos poderes públicos de procurar o acceso á cultura a un sector concreto da poboación, que son os menores de idade, dereitos contemplados desde a propia Declaración dos Dereitos Humanos (arts.22, 26 e 27) e na Convención sobre os Dereitos do Neno no articulo 31, que especifica: "Os Estados partes respectarán e promoverán o dereito do neno a participar plenamente na vida cultural e artística e propiciarán oportunidades apropiadas en condicións de igualdade, de participar na vida cultural e artística, recreativa e de entretemento". A posibilidade dunha acción de política cultural dirixida aos estudantes dos ciclos de ensino obrigatorio sería moi ben recibida desde os profesionais que traballan neste eido. "Un programa por parte da administración para de levarlles a cultura alí aos centros en troque de agardar que sexan eles os que vaian buscala é fundamental", asegura Artur Trillo. E engade: "que non sexa unha anécdota, algo excepcional. Que sexa unha actividade regular. Que unha vez ao mes saiban o que é unha obra teatral, un concerto de música clásica, ir a unha exposición.". O director de Talía Teatro amósase disposto a poñer da súa parte para facer un deseño dun plan nese sentido: "apúntome gratuitamente a falar, colaborar e achegar o meu gran de area e a miña opinión a iso". Agora mesmo as únicas accións no que ten que ver coa arte drmaática ven do Departamento de Produción Teatral de Agadic co achegamento aos escolares a base de visitas e funcións específicas que fai ao Centro Darmático Galego coas súas producións. Unha proposta de valor patrimonial A Asociación Cultura Morreu o demo, dedicada á conservación e fomento da arte dos monicreques, oferta unha serie de actividades didácticas para centros de ensino de primaria e de secundaria a partir de fondos da Deputación da Coruña e do Ministerio de Cultura. Esta asociación, que naceu en 2013 para recuperar a memoria de Barriga Verde e o títere tradicional galego pretende co proxecto Da barraca á aula facilitar a integración deste mundo nas aulas. Desde esta asociación consideran que os títeres achegan enormes posibilidades como ferramentas pedagóxicas para abordar calquera temática e área, en particular cuestións como a violencia, a igualdade, a discriminación ou a representación de conflitos. Do mesmo xeito ven na manipulación de monicreques unha arte cun grande potencial para desenvolver a expresión creativa xa sexa a nivel plástico, coa elaboración dos bonecos, como literario, na elaboración das obras, ou dramático, na súa representación. Segundo eles o ven, o traballo cos títeres garda unha especial relación coas áreas de lingua e literatura galega, ciencias sociais, xeografía e historia e educación artística. O seu proxecto inclúe, ademais da realización de varios talleres enfocados ao coñecemento, posta en valor e creación de espectáculos de monicreques desde os propios alumnos, a posibilidade de levar aos centros montaxes profesionais de compañías escénicas especializadas, incluíndo no seu catálogo tres diferentes propostas dos espectáculos que na actualidade recrean as funcións de Barriga Verde coma complemento ideal para as actividades propostas, "xa que facilita o encontro con representacións profesionais desta arte e permite familiarizarse coas peculiaridades do xénero".ARTUR TRILLO: "UN PROGRAMA POR PARTE DA ADMINISTRACIÓN PARA LEVARLLES A CULTURA ALÍ AOS CENTROS EN TROQUE DE AGARDAR QUE SEXAN ELES OS QUE VAIAN BUSCALA É FUNDAMENTAL"

