Un novo documental repasa o período de Carballo Calero en Lugo

A Agal presentou nas redes Saltério de Fingoi. O exílio lucense de Carvalho

A Associaçom Galega da Língua, mediante Através Produtora, publicou na rede o documental Saltério de Fingoi. O exílio lucense de Carvalho. Realizada por João Aveledo, a produción repasa os anos, entre 1950 e 1965, que o homenaxeado no Día das Letras de 2020 viviu na Cidade da Muralla, dedicado fundamentalmente ao ensino no Colexio Fingoi. A produción reconstrúe, a través das voces do alumnado do centro naquela época, o papel do profesor, a vida no colexio e o xeito no que esta experiencia marcou as súas vidas.



Un webinar realizado este 8 de abril, e dispoñible tamén na rede, serviu para presentar o proxecto coa presenza de Siña Fernández (directora do Colexio Fingoi), María Casar (xestora cultural do centro), Reimunde Norenha (discípulo e especialista no autor) e Adela Figueroa (catedrática de Bioloxía e ex-alumna de Fingoi).