A Xunta anuncia un plan de restauración para as catedrais galegas

O templo de Mondoñedo inicia este programa que se desenvolverá co horizonte do Xacobeo 2027

| Santiago. Redacción | Seccións: Patrimonio
Compartir:
Presentación do investimento na Catedral de Mondoñedo. Fonte: Consellería de Cultura

Presentación do investimento na Catedral de Mondoñedo. Fonte: Consellería de Cultura

Un Plan Catedrais que "blindará o mantemento e conservación destes cinco grandes templos galegos no horizonte do Xacobeo 2027". Esta é a proposta que adiantaba o conselleiro de Cultura Román Rodríguez este 30 de marzo en Mondoñedo. Rodríguez anunciou nesta localidade a primeira das actuacións deste programa, que recuperará o conxunto mural do presbiterio e da nave central cun investimento de 300.000 euros.

A actuación quere resolver "as importantes patoloxías nas pinturas debido ás humidades. O proxecto, cofinanciado con fondos FEDER, permitirá resolver os danos na policromía barroca, a pintura mural da nave e o retablo do altar maior", segundo explica a consellería. Traballos de limpeza superficial, protección das zonas en perigo de desprendemento, consolidación de morteiros, fixación da policromía, reintegración e limpeza cromática son os principais labores previstos.

O conxunto do Plan, actualmente en elaboración, aprobarase esta primavera e afectará aos templos de Lugo, Ourense, Tui e Mondoñedo co fin de "protexer e valorizar o patrimonio como un elemento de desenvolvemento económico e emocional".

Que che parece esta nova?
59 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Xacobeo, Mondoñedo, Román Rodríguez, Feder...

Claves

Protagonistas
Conceptos