María Dolores Araújo faise co XXII Certame de Narración Curta Ánxel Fole

Imaxes roubadas será publicada por Xerais e a autora recibirá 4.000 euros

O Concello de Lugo deu a coñecer este 30 de marzo o fallo do XXII Certame de Narración Curta Ánxel Fole. María Dolores Araújo foi a gañadora desta xeira coa obra Imaxes roubadas. O xurado valorou que o texto "nos descobre un mundo literario paralelo ao artístico. Preséntanos vinte e nove historias ateigadas de sensibilidade e tenrura, cunha linguaxe suxestiva que axuda a organizar o relato, que flúe e en ocasións remata de xeito sorprendente. A diversidade está presente nos seus temas: a soidade, a incomprensión, a sororidade, o amor, o erotismo, o rexeitamento da misoxinia, a denuncia da miseria".

Antía Yañez, Rocío Leira e María Xosefa Senín foron as responsables da selección das obras. A gañadora recibirá un premio de 4.000 euros en metálico e verá a súa obra publicada por Edicións Xerais.