O CDG busca dramaturxia para unha coprodución a través dunha convocatoria aberta

Agadic presenta o procedemento de contratación da creación dun texto dramático

O Centro Dramático Galego (CDG) adscrito á Agadic, ven de abrir por vez primeira un procedemento de selección para contratar a futura creación dunha dramaturxia que será empregada nunha coprodución da compañía pública. A esta primeira convocatoria, dotada con 4.000 euros, seguiralle unha segunda, dotada con 12.000 euros, para levar a escena o espectáculo teatral a partires da dramaturxia elaborada polo presente procedemento. Inicialmente, nesta fase, solicítase a presentación dun proxecto de escrita, consistente nunha sinopse ou proposta do texto, cun máximo de 10.000 caracteres e coa descrición do proxecto dramatúrxico que se quere desenvolver.

Esta contratación enmárcase no programa de apoio á dramaturxia galega contemporánea, que pretende impulsar a creación de espectadores para os autores actuais, consolidar produtos culturais competitivos que xeren retorno e, en definitiva, a busca da excelencia nos produtos culturais galegos, segundo consta nas bases que Agadic xa ten dispoñibles na súa páxina web. A convocatoria está aberta ata o vindeiro 15 de abril a todo o sector para que presente proxectos de escrita dramática, co compromiso de formalizar, coa entidade/profesional seleccionada pola comisión técnica profesional que se constituirá para este efecto, os correspondentes contratos de creación dramatúrxica do proxecto seleccionado.