Facer música coas vellas voces

Os arquivos sonoros reclaman a súa importancia na creación galega actual

Os arquivos sonoros reclaman a súa importancia na creación galega actual
Fragmento do cartel das xornadas O que non se escribe
Compostela acolle no final deste mes de marzo as xornadas O que non se escribe. Arquivos Sonoros e creación contemporánea. Nas mesmas abórdanse desde diferentes perspectivas o potencial dos rexistros conservados da tradición sonora no panorama actual. No marco do encontro, profesionais deste ámbito debaten sobre unha aposta que está a coller pulo na nosa música.




Aitana Cuétara, responsable de Luneda Producións e vencellada ao mundo da música tradicional, botou a andar as xornadas P que non se escribe ao detectar a necesidade de falar de xeito público sobre esta tendencia. "Vexo o que fai a xente e os proxectos que van saíndo neste ámbito, e cada vez atopo que hai máis foco na reinterpretación da tradición e no mirar nos arquivos para facer cousas", explica. "Parecíame que este movemento estaba algo desartellado, non hai un camiño claro nin espazos de posta en común. Entón pensei en organizar estas xornadas como un punto de encontro para creadoras e creadores que están a traballar nisto e ao tempo para que o público poida descubrir cousas novas".

O encontro
Segundo explica "a idea das xornadas era facer algo desde a base", a incluír o contacto directo das persoas participantes co material de arquivos. Nesta liña o programa inclúe "a presentación e a escoita da colección de lousas do Arquivo Sonoro de Galicia do Consello da Cultura, que é unha marabilla, un paseo sonoro no que se poderán escoitar recollas tiradas directamente dun arquivo ou o obradoiro de Xulia Feixoo sobre recollida de patrimonio. Logo temos unha seguinte fase, que son os espectáculos de Sa Mateixa (suspendido finalmente por un caso de Covid no elenco) e de Faia. Tamén se achega unha perspectiva máis futurista que é a charla sobre intelixencia artificial aplicada a este ámbito" sen esquecer a mesa redonda "que amosa o traballo da xente que está a experimentar con estes arquivos". Tanxugueiras, Xosé Miguélez, Faia e Mercedes Peón reflexionan neste último encontro sobre a súa propia experiencia neste campo.

A forza dos arquivos
Segundo explica Cuétara, no actual panorama sonoro do país "cada vez hai máis xente que experimenta coa música tradicional e a trata con normalidade. Poden facer con ela jazz, música electrónica ou algo máis urbano, como están a facer a Tanxugueiras. Hai un monte de propostas que poñen a música tradicional no século XXI e fan cousas sen que soen a folk. Cada vez vexo máis proxectos, e iso alégrame moito". Tamén o músico Xosé Miguélez, desde o ámbito do jazz, considera "evidente" que está a medrar o interese por este tipo de fondos. "Por unha banda hai unha maior accesibilidade ao material. Isto fai que moita xente que antes non estaría interesada en usar estes arquivos agora probablemente se achegue a el. Canda a isto, cada vez é máis difícil acceder a informantes de xeito directo. E logo hai un grande traballo de teses de doutoramento e de mestrados no campo musical nos que se tira da banda da música tradicional e para os que os arquivos son unha fonte de información importante". A incidir no peso que a accesibilidade ten neste florecemento, Miguélez apunta que "as tecnoloxías da información fai que sexa todo mais rápido. Agora podes conectarte a un web e descargar directamente un arquivo, sen ter que ir a un lugar fisicamente ou pedir permiso para acceder a información".

Novos usos
De xeito similar a experiencias que temos abordado en Culturagalega.gal como o traballo de Richi Casás a partir do cancioneiro de Dorothé Schubarth, moitos outros proxectos están a recuperar gravacións para se inspirar ou mesmo as incluír directamente nos seus álbums. É o caso de Faia, que integrou gravacións de campo en temas do seu álbum Ao cabo Leirín e que afonda nesta liña no seu novo espectáculo. Segundo explica Cuétara, "Faia colle as gravacións sen máis e insíreas no seu espectáculo, onde se escoitan sen que ocorra nada máis. Créase un ambiente superíntimo e resulta algo incrible. Canda a isto hai proxectos coa electrónica que lle dan unha reviravolta ás gravacións cos seus maquinillos e fan propostas moi potentes. Hai pouco coñecín a proposta de Cernadas, que fai electrónica a samplear audios coma estes".

Novas perspectivas
Faia Díaz reivindica unha presenza xa histórica deste tipo de fontes na creación sonora do país, "o arquivo sempre foi material importante para a creación no ámbito da música 'tradicional', a maior parte dos músicos e músicas das que se denominan músicas de raíz sacaron cancións dos arquivos para os seus discos e propostas, ou foron eles mesmos aprender de primeira man estas cancións e levaron gravadoras para ter rexistro". Ao tempo, lembra que "non é algo recente que os discos conteñan pistas que son arquivos sonoros 'orixinais', recollas onde vellas ou vellos cantan, isto lévase facendo desde fai moitos anos. O que si creo que está pasando é que cada vez se visibilizan máis estes procesos e as fontes. Compártense e móstranse como material interesante en si mesmo. Este feito compartir os procesos paréceme moi importante. Isto pasa, en parte, pola desaparición de cantoras e instrumentistas tradicionais, dunha forma de cantar ou tocar, de entender a música, que se está perdendo, que xa se perdeu, para ser máis precisas… Entón sabemos que o arquivo que hai é o que hai, non se vai rexistrar máis, e dámoslle máis valor".

Bases para crear
Para Tanxugueiras, o emprego destes materiais vai para alén da recreación de pezas e melodías, e procuran tirar destas fontes como base para novas propostas creativas. "No noso caso non son utilizados como un recurso do cal sacar unha melodía exacta, senón de coller a esencia, bases melódicas ou ritmos que logo nós rompemos e evolucionamos". A maiores do propio contido musical que se atopa nestas gravacións, o trío recoñece o potencial creativo que proporcionan estes fondos. "Achegan un coñecemento máis persoal, non só da peza se non tamén da informante, fai crear un vínculo moito máis forte ca peza en si. A día de hoxe non só son utilizados como unha ferramenta de composición musical, se non tamén de coñecemento histórico e cultural, alén do estritamente musical".

Letras tradicionais adaptadas en Desposorio de Tanxugueiras


Un disco a partir dunha recollida
Miguélez, pola súa banda, baseou nunha gravación de Dorothé Schubarth para o Cancioneiro Popular Galego o seu disco Ontology. "Está enmarcado no Jazz, pero son un músico con vínculos estreitos co tradicional desde pequeno. A procurar material que me motivase para este traballo, máis do que empregar o arquivo como fonte, usei un motivo de catro notas que Schubarth lle gravou a unha tía avoa miña en Laza por 1979. A partir de aí compuxen todos os temas do álbum". Un proxecto ademais que logo foi gravar a Estados Unidos. "Traballei con músicos que non saben case nada da música tradicional galega e saiu unha interpretación bastante neutral neste aspecto. O álbum ten unha influencia grande da música tradicional pero eu dinlle un uso bastante diferente". En moitos casos "téñense empregado os arquivos para facer un arranxo sobre a melodía, pero eu abordeino destoutro xeito a partir da miña propia bagaxe neste campo".

Sweet Delia do Ontology de Xosé Miguélez


A situación das fontes
Fronte á proliferación que proxectos que tiran destes fondos, para a produtora "a sensación é que está todo fatal nos arquivos. O Arquivo Sonoro de Galicia ten moito material, e a dixitalización da colección de lousas é fantástica. Están a se facer moitas cousas, pero por exemplo o APOI (Arquivo do Patrimonio Oral e da Identidade), dependente do Museo do Pobo Galego, ten un material alucinante pero carece de recursos. Ten unha persoa voluntaria a coordinar e hai xente que achega os seus arquivos, pero non ten financiamento nin apoio institucional, e a min iso paréceme un maltrato ao noso patrimonio". Canda a estas propostas, "a maioría do material que hai gravado neste campo é de arquivos persoais que están na casa de xente. Hai quen é xeneroso e comparte isto nas redes ou cede os seus fondos, pero moita outra dálle un uso puramente particular ou para as súas agrupacións folclóricas, e están no seu dereito, pero ao final é unha cantidade enorme de patrimonio sonoro que non é accesible ou ao que é moi complicado acceder". Coincide con ela Faia Díaz, quen lembra que "hai moitos grupos, artistas e agrupacións que teñen arquivos sonoros dos que se nutren constantemente, estes conforman probablemente o corpus máis extenso de arquivo sonoro de música tradicional que temos no país". Segundo Miguélez, de cara ao futuro "é importante que se continúe a traballar na liña dos últimos anos para que coleccións de material como o de Schubarth ou o de Pablo Carpintero se poidan pór en valor. Son un traballo incrible que se fixo nun momento axeitado e é importante que se lle dea accesibilidade para que outra xente poida usalo e darlle continuidade a esta tradición".

Gravacións para transmitir a tradición
"Nós consideramos os arquivos de vital importancia para manter a nosa tradición tal e como a coñecían as mestras que tanto nos ensinaron", explican Tanxugueiras, a incidir no papel destes materiais como testemuños da tradición. "Cremos na importancia dos arquivos para unha visualización máis fiel da peza. Son algo que todos deberíamos compartir e ceder ao pobo para que todo o mundo poida coñecer a música de raíz dende esa perspectiva tan primixenia. Cada día hai menos informantes, iso é lei de vida, pero aínda así non debemos de esquecer que temos unha tradición oral que se debería seguir mantendo e pasando de xeracións e xeracións co seus cambios consecuentes e evolucionando ao mesmo tempo".

A maxia da escoita conxunta
No seu caso particular, Faia sinala que "todo o repertorio co que traballo eu cantando apréndoo de diversos arquivos". Para alén desta uso como fonte, a artista explora as posibilidades das gravacións de arquivo como parte dun espectáculo ao vivo. "No meu caso utilizo os arquivos sonoros en directo pero non os manipulo, simplemente póñoos para escoitalos coa xente, é como unha cerimonia de escoita, íntima e consciente, que me produce moito pracer. Fágoo así porque me fascinan todas e cada unha das recollas ás que accedo, esas voces, esa maneira de cantar, doutro tempo, pero que aínda nos pertence". Na súa relación con este material sinala que "é un privilexio dispoñer deste patrimonio e poder compartilo. Falo das intérpretes, creadoras, contadoras, cantoras, e interésome por elas, polas persoas que son transmisoras deste legado, non pode ser doutro xeito".

Unha gravación orixinal fai parte do tema Escaleira - cumbia (Ao cabo leirín) de Faia


Alén da canción
Dentro da perspectiva desta artista, os fondos dos arquivos sonoros teñen unha serie de peculiaridades que deben ser aproveitadas. "Interésame todo o que sucede nel, non soamente a melodía ou a letra, senón a forma de interpretala, o son do ambiente, o son do micro e da gravadora ou da cinta a dar voltas, as conversas, as risas... Todo. Por suposto o arquivo é en si mesmo un recorte da realidade, descontextualízase a música do seu entorno e da forma natural de ser interpretada, no momento de gravar, e tamén no momento presente da escoita. Isto non me parece unha carencia do arquivo, senón unha característica, algo que hai que recoñecer e poñer sobre a mesa sempre que se recolle e se mostra o material, e sobre o que cómpre reflexionar". Ademais, advirte, "hai tipos e tipos de arquivos, hai arquivos de profesionais etnomusicólogas e outros que foron realizados con outros criterios e fins. A mirada de quen grava, tamén é interesante analizala. Nunca se debe obviar ou esconder isto, porque a mirada nunca é neutra, porta información. Eu atopo material creativo en todo o que rodea ás gravacións, é unha fonte infinita de coñecemento".

Os tempos encontrados
Como exemplo da información que, para alén das propias pezas musicais, fai parte das gravacións, Faia apunta cuestións como que "sabemos que o canto tradicional era un fenómeno colectivo esencialmente, pero moitos dos rexistros que chegan a nós son voces cantando soas. Normalmente estas recollas fanse na casa das intérpretes, na cociña, no seu espazo doméstico… encántame escoitar o son do lume ou da auga, dos nenos xogando, burros e galiñas, a vida coándose. Cantan na cociña cousas que de novas cantaban mentres segaban ou lavaban no río… isto é unha marabilla porque no arquivo conviven varios tempos, o tempo ao que remiten os cantos, as lembranzas das cantoras, o presente da gravación e o presente de quen escoita. Esta convivencia de tempos, por falar dalgunha das características dos rexistros sonoros, é pura maxia, e ten moito de musical". O seu álbum Ao cabo Leirín recolle en boa medida esta experiencia co uso de material de arquivo e de ambientes sonoros cotiáns integrados nas pezas.

Ampliar espazos
Encol do auxe no uso dos arquivos na nosa música, Cuétara apunta que "semella que a súa importancia é agora mesmo algo moi evidente para a música tradicional, pero outros públicos non compartían este coñecemento e descobre agora este legado como tesouros, que o son". A produtora apunta unha conexión con tendencias internacionais co uso xeneralizado de samplers e de gravacións na creación sonora que ao seu ver se verá retroalimentada no futuro. "As músicas máis urbanas que se están a facer noutras partes do mundo inflúennos. Á inversa, todo o que se está a facer con estes arquivos galegos de música tradicional vai servir para que moita xente de aquí desenvolva cousas novas que teñan repercusión fóra do país"

Deixaas show live teaser de Mercedes Peón