A Xunta apoia a presenza en tres feiras do libro europeas con 93.000 euros

O sector galego contará con expositor propio nas citas de Bolonia, Frankfurt e Madrid

A Consellería de Cultura acaba de anunciar a contratación, por 93.871,80 euros, das actividades para que a industria do libro galego estea presente en tres feiras internacionais deste sector. Segundo indica este departamento, os contratos asinados cubrirán a presenza con expositor propio "nas tres feiras internacionais que teñen data pechada de celebración" en Europa.

Así, un posto institucional amosará o traballo conxunto das editoras do país na Feira Internacional da Libro Infantil e Xuvenil de Boloña, que se celebrará entre o 14 e o 17 de xuño. Outro posto estará presente na Feira do Libro de Frankfurt, prevista para os días 20 a 24 de outubro. Finalmente, a Liber de Madrid, entre o 13 e o 15 de outubro, contará tamén coa presenza das editoras galegas no marco deste programa.

Segundo explica a Consellería "a presenza nestas feiras é unha das principais accións para promover as obras galegas nos mercados internacionais cunha programación desenvolvida de acordo coa Asociación Galega de Editores".