A RAG celebrará en Vigo o seu pleno das Letras Galegas

A Academia anuncia unha serie audiovisual e microvídeos sobre a autora

| Santiago. Redacción | Seccións: Día das Letras Galegas
Compartir:
Imaxe da realización da serie documental sobre Xela Arias. Fonte: RAG

Imaxe da realización da serie documental sobre Xela Arias. Fonte: RAG

Ana Romaní, Marilar Aleixandre e Manuel Rivas serán os membros da Real Academia Galega que intervirán no plenario oficial da institución en homenaxe a Xela Arias. A entidade adiantou que o seu acto central da conmemoración do Día das Letras Galegas se vai desenvolver o vindeiro dezasete de maio na cidade de Vigo, onde Arias residiu desde os sete anos. A Academia ademais, anunciou que a partir do vindeiro seis de abril emitirá nas súas redes unha serie documental de seis episodios sobre a autora. A produtora Miramemira desenvolveu este proxecto que afonda na vida e na obra de Arias, "comezando polas súas orixes en Sarria (Lugo) e a súa chegada aos sete anos a Vigo, e como os dous ambientes condicionaron a súa ollada e a súa escrita, de maneira especial a contorna urbana próxima á Movida dos anos 80 do século pasado".

Segundo adianta a Academia, a serie contará con testemuños de "amizades, familiares e distintas voces do mundo da cultura" que retratarán "non só nas contribucións da homenaxeada como escritora, senón tamén como traballadora do sector cultural". En paralelo, a RAG tamén publicará logo da Semana Santa unha serie de micropezas audiovisuais que achegarán perspectivas persoais sobre a autora da man "de voces estudosas da súa obra, membros da Academia, compañeiros e compañeiras de xeración, amizades e lectores e lectoras de distintas idades e perfís profesionais".

Que che parece esta nova?
56 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Vigo, Manuel Rivas, Xela Arias, Marilar Aleixandre...