O pleno extraordinario do 17 de maio constitúe o acto institucional central da Real Academia Galega arredor da celebración das Letras Galegas. Este ano a Academia o celebrará en Vigo, escenario fundamental da vida da poeta, editora e tradutora. O acto contará coas voces de Ana Romaní, Marilar Aleixandre e Manuel Rivas. As académicas e o académico achegarán distintas olladas á autora, voz singular dunha xeración que trouxo a modernidade á cultura galega, e que tivo en boa medida a cidade de Vigo como epicentro. A palabra de Xela Arias estará tamén presente na actuación musical de Mónica de Nut, Pablo Carrera e Fernando Abreu, quen comezara a preparar coa escritora un espectáculo poético-musical pouco antes do seu pasamento. A cerimonia terá lugar no Auditorio Mar de Vigo a partir das 13:00 horas e poderá seguirse en directo a través da canle de YouTube da propia RAG. Á volta do verán, a Real Academia Galega celebrará o tradicional simposio das Letras Galegas, onde distintas voces especialistas ofrecerán novas perspectivas á figura e á obra de Xela Arias.