A Universidade Vigo lembra o labor como tradutora de Xela Arias

Unha mesa redonda amosará esta faceta da autora homenaxeada este ano no Día das Letras Galegas

| Santiago. Redacción | Seccións: Día das Letras Galegas
Compartir:
A Universidade Vigo lembra o labor como tradutora de Xela Arias

A faceta coma tradutora de Xela Arias será na que se centrará a mesa redonda que terá lugar este venres 26 de febreiro organizada por docentes da Facultade de Filoloxía e Tradución, da que a autora á que se lle dedica o Día das Letras Galegas 2021 foi alumna. A mesa redonda, titulada Letra a letra con Xela Arias. Colaboración e tradución, contará coa participación de tres persoas que traballaron con ela nese eido, ben como tradutoras man a man, ben como revisoras ou correctoras: Débora Ramonde, tradutora; Lidia Iglesias, profesora e Rafael Ferradáns, tradutor. O encargado de moderar o debate será o escritor e docente Manuel Bragado, que tamén traballou con Xela Arias en Xerais. A mesa redonda será en modalidade virtual e poderá seguirse en directo de 16:30 a 18:00 horas a través da canle 1 de UVigoTV.

O obxectivo deste encontro que se transmitirá de xeito virtual é recuperar a memoria da Xela Arias tradutora, un labor que permitiu ler en galego, por exemplo, Drácula, de Bram Stoker; O derradeiro dos mohicanos, de James Fenimore Cooper; Venus Negra, de Angela Carter; As bruxas, de Roald Dahl ou Dublineses, de James Joyce. Ademais formou parte do comité de redacción da revista de tradución Viceversa. Esta labor de tradutora supúxolle a Arias varios galardóns ao longo da súa carreira, como a Medalha do Premio de Traduçao Sociedade de Língua Portuguesa, o Premio Ramón Cabanillas de Tradución ou o Premio Plácido Castro, póstumo.

Que che parece esta nova?
106 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Xela Arias, Vigo, Día das Letras Galegas, Tradución...