A Xunta anuncia leis de "transformación dixital da cultura" e de "inclusión e accesibilidade cultural"

Román Rodríguez adianta ante o Parlamento o desenvolvemento dun Plan Catedrais 2021-2027

O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez compareceu esta mañá ante o Parlamento de Galicia para dar a coñecer as liñas de traballo do seu departamento. Para a alén de lembrar diferentes proxectos xa anunciados con anterioridade, como o programa dedicado aos videoxogos, as liñas de apoio ás salas de cinema ou o Plan de Danza, adiantou como novidade a elaboración de dous novos proxectos normativos neste ámbito. Así, asegurou que a Xunta desenvolverá unha "lei de transformación dixital da cultura, para impulsar os servizos deste tipo" e mais unha "lei de inclusión e accesibilidade cultural", coa que se pretende "seguir afondando no dereito irrenunciable nunha sociedade moderna de que todas as persoas poidan participar na vida cultural".

Ademais, anunciou que investimentos xa anunciados para templos integraranse no Plan Catedrais 2021-2027, "dirixido principalmente aos templos de Lugo, Mondoñedo, Ourense e Tui, unha vez que o 2021 ten como fito a Catedral de Santiago". O desenvolvemento de plans sectoriais para a proxección exterior da cultura galega, o apoio aos novos creadores, a dinamización e innovación no medio rural, a formación dos profesionais, a dinamización da lectura e a construción da Memoria Dixital de Galicia foron outros campos nos que Rodríguez asegurou que continuarán os traballos xa adiantados.