A santiaguesa Sira Vidal Laxe resultou gañadora do XIº Certame de Relatos de Muller Matilde Bares do Concello de Bueu coa obra O espertar do teu nome. O xurado, conformado por Eva Mejuto (gañadora da anterior edición), Fátima Chamadoira e Arturo Sánchez Cidrás, reuniuse este luns, coincidindo co DÃa Internacional das Mulleres, nas dependencias do Centro de Información ás Mulleres, onde decidiron elixir este relato como gañador. Del destacaron que é unha historia a dous tempos que trata da descuberta dun segredo familiar que acaba facendo que a protagonista se enfronte con outra perspectiva ao seu futuro, no que se aborda o tema importante da emigración tamén vivida polas mulleres en Galicia e os prexuÃzos aos que antes e agora se viron sometidas. O premio, nacido no 2005, rende unha homenaxe a Matilde Bares, mestra de labor recoñecida que se esmerou na preparación de ata tres xeracións na vila morracense, ademais de organizar actividades culturais e grupos de teatro. Este certame ten como obxectivos fomentar a igualdade entre homes e mulleres, a corresponsabilidade nas obrigas familiares e sociais e o debate arredor da violencia machista, e supón unha das principais liñas de actuación do goberno local en materia de igualdade. A gañadora, Sira Vidal, é profesora de ensino medio e farase cunha dotación económica de 1.500 euros, asemade o relato publicarase proximamente da man do Concello.