A Escola infantil de A Veigadaña leva o premio de Arquitectura de Galicia 2020

Os galardóns da Xunta recoñeceron a carreira de Manuel Gallego Jorreto

Escola da Veigadaña. Fonte: Premios de Arquitectura.
Escola da Veigadaña. Fonte: Premios de Arquitectura.
A Xunta de Galicia deu a coñecer esta semana o fallo dos III Premios de Arquitectura e Rehabilitación de Galicia. O proxecto da Escola infantil da Veigadaña, en Mos, foi recoñecida co premio de arquitectura, dotado con 6.000 euros. Segundo o fallo, o proxecto de Juan Ignacio Prieto López, Faustino Patiño Cambeiro e Estefanía Grandal Leirós "parte da aproximación a unha parcela complexa no Polígono da Veigadaña pola súa irregular xeometría e pola proximidade do río canalizado co que linda. A incomodidade xerada pola necesidade de esgotar a edificabilidade da parcela con esa xeometría anómala leva a impor outra máis pura, un círculo, no que se inscriben tódalas funcións da escola e dous paralelepípedos que regulan os accesos ao exterior".

Pola súa banda, Manuel Gallego Jorreto foi recoñecido co galardón á traxectoria profesional, coa mesma dotación. O Premio especial á sustentabilidade foi para a "reforma de edificio existente para oito vivendas unha oficina e aparcamento no número 11 da rúa Colón, en Vigo" de Leonardo LLamas Álvarez.

Finalmente, o Premio galego de rehabilitación repartiuse entre tres proxectos. A "reconstrución de vivenda afectada pola vaga de lumes en Saa, en Carballeda de Avia" realizada por Juan José Otero Vázquez e Cecilia López Muíños, a rehabilitación dunha vivenda particular en Vigo de Alfonso Penela e mais o proxecto "Intervención en bodega e área enoturística destinada á celebración de eventos, en Cenlle (Ourense)" desenvolvido pola Oficina de Arquitectura Urbanismo y Planificacion SLP.