Os premios COAG recoñecen unha arquitectura integrada no medio

13 obras e proxectos do ámbito galego e internal foron galardoados na edición deste ano

13 obras e proxectos do ámbito galego e internal foron galardoados na edición deste ano
Restauración do pavillón historicista de san Martiño Pinario. Orozco e Seara
O colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) recoñeceu 13 obras e proxectos en Carnota, Santiago, A Coruña, Gondomar, Porqueira, Porto do Son, Barro, A Pobra do Caramiñal, Xenebra (Suíza) e Ica (Perú). Así foi concedidos o venres 5 de abril pola entidade. O presidente da delegación compostelá do colexio, Ángel Cid, destacou que "a arquitectura galega pasa por un momento excepcional. Está pensada e deseñada por arquitectos, pero desenvolta a partir das capacidades dun ecosistema integrado por fabricantes, construtores, promotores, políticos e usuarios, que non só conforma o escenario das nosas vidas, senón o legado que a nosa xeración deixará aos que nos sigan". O premio Traxectoria Profesional foi concedido a título póstumo para Alberto Noguerol, e entregado á súa viúva, Pilar Díez, e á súa filla Bárbara. Os premios deste ano priman a integración da arquitectura na paisaxe e no medio.

Na categoría de Vivenda unifamiliar, Óscar Andrés Quintela e Iván Andrés Quintela (Arrokabe) foron premiados polo proxecto Casa Panchés, en Carnota. En Vivenda plurifamiliar, os arquitectos Manuel Carbajo Capeáns e Celso Barrios Ceide (Carbajo e Barrios Arquitectos asociados) recibiron o premio polo Alto residencial cooperativa, en Santiago de Compostela. Na categoría de Outros edificios, o galardón foi para Lucas Díaz Sierra e Gustavo Díaz García pola Reforma da envolvente e integración do antigo edificio de "Espellos" en San Caetano, tamén en Santiago de Compostela, mentres que o Accésit recaeu en Manuel Vázquez Muíño pola Rehabilitación da estación de autobuses de Pontevedra.

En Obras de rehabilitación patrimonial e restauración, Juan Orozco Corredoira e Iago Seara Morales foron premiados pola Restauración do pavillón historicista e o muro perimetral de San Martín Pinario, en Santiago de Compostela. Os accésits nesta categoría foron para Daniel Gómez Magide polo Centro Cultural Forges, en A Fonsagrada; e para María Gracia Amandi Joglar e Dionisio Jorge de Uña Santos pola Rehabilitación interior e mellora da accesibilidade da Casa Consistorial de Pontevedra.

Na categoría de Obras de deseño interior, o premio foi para Carlos Luis Quintáns Eiras pola intervención MIXING, na Coruña, mentres que o Accésit foi para Estefanía Grandal Leirós polo Albergue para peregrinos en Baiona. En Arquitecturas efémeras e deseño de pequena escala, foron recoñecidos Vicente Pintos Santiago e Javier Antonio Franco Rabuñal pola Instalación dun ascensor, en Gondomar.

En Planificación urbana, José González-Cebrián Tello foi premiado polo Plan Básico Municipal do Concello de Porqueira, en Ourense. Na categoría de Deseño de espazos urbanos, xardinería e paisaxismo, o premio foi para Juan José Creus Andrade, Covadonga Carrasco López, Marcial Rodríguez Rodríguez, José Martín Valladares Durán e Alberto Redondo Porto pola Mellora do bordo da praia de Porto do Son.

Na categoría de Divulgación e investigación, resultaron gañadores ex aequo Sheila García Prado polo proxecto Laboratorio da Paisaxe, en Barro, e Carlos Luis Quintáns Eiras pola exposición Siza, da Fundaçao Calouste Gulbenkian. O Accésit foi para Iago Xosé Valverde Pérez polo seu traballo xornalístico Arquitectura en SERMOS. En Proxecto fin de carreira, foi recoñecida Laura Pena Cristóbal pola proposta Usos híbridos no polígono industrial. Fitodepuración no Polígono da Tomada, na Pobra do Caramiñal.

Finalmente, na categoría de Premio COAG obra no exterior, os premios ex aequo foron para Stefano Daniele Ciurlo Walker e Aurora Armental Ruíz polo proxecto Ancien Manège, en Xenebra, Suíza, e para Betsaida Curto Reyes e Ander Bados Sesma pola Escola Inicial 140 na comunidade de Santa Cruz de Villacuri (Barrio Chino), en Ica, Perú.

Algúns exemplos de premiados


Casa Panchés (Carnota)
Óscar Andrés Quintela, Iván Andrés Quintela


Alto residencial cooperativa (Santiago de Compostela)
Carbajo y Barrios Arquitectos


Rehabilitación da estación de autobuses (Pontevedra)
Manuel Vázquez Muíño


Restauración do Pavillón historicista e o muro perimetral de san Martiño Pinario (Santiago de Compostela)
Juan Orozco Corredoira e Iago Seara Morales


Mixing (A Coruña)
Carlos Luis Quintáns Eiras


Mellora do bordo da praia (Porto do Son)
Creus, Carrasco, Rodríguez, Valladares, Redondo