Sete grupos crean unha nova federación de teatro amador

Feteagal nace integrada no colectivo estatal Escenamateur

Coles Teatro, Delatoute Prod., Dos Martín Teatro, Metatese Teatro, Noite Bohemia, Solo Teatro e The-Sastre son os sete grupos que acaban de pór a andar a Federación Teatral Afeccionada de Galicia. A nova entidade, segundo anuncia nas súas redes sociais "promete unir os esforzos e vontades dos grupos de teatro afeccionado da comunidade para, deste xeito, medrar xuntos e defender ao teatro Amador". Entre os seus obxectivos está "ser un punto de encontro do teatro afeccionado do noso país, onde os grupos de teatro se xunten para alzar a voz e darlle visibilidade a unha modalidade artística que demanda a poboación e que agora bota en falta pola pandemia". Dentro das actividades prevista está "realizar festivais, certames, simposios, intercambios" e contribuír á visibilidade de todos os grupos do país.




Esta nova federación de escena amadora nace a facer parte do colectivo estatal Escenamateur, que agrupa entidades de todo o país e pretende "traballar en colaboración co Ministerio de Cultura, e a SGAE por unha banda, pero tamén, quere ser un referente para as Federaciónes de Teatro Amateur, Compañías de Teatro Amateur das distintas Comunidades Autónomas e para todas aquelas persoas a titulo individual amantes do Teatro", segundo explica no seu web.

Ata o momento, as entidades de teatro amador do país tiñan na Federación Galega de Teatro Afeccionado, Fegatea, o seu referente. Este colectivo, en marcha desde 2001, conta na actualidade con 49 grupos asociados, segundo recolle no seu web.