
Presumido supuxeron estes cinco anos unha seria e frutífera proposta de pop electrónico sempre en constante mellora creativa e experimentación. Vendetta foi un disco amplamente celebrado pola crítica a nivel estatal que estivo entre os mellores das listas anuais da prensa especializada. Tras diso a banda protagonizou un sonoro desencontro coa súa discográfica que rematou nunha campaña de recadación popular tras ter empeñado os seus instrumentos para mercar a súa liberdade e comezar a preparación do que sería o seu segundo disco Cuatro Estaciones (2019) que foi presentando en EPs ao longo de todo o ano seguindo o calendario estacional e cunha sucesión de vídeos de impecable factura. A banda tamén re-editou, xa desde a liberdade creativa o seu primeiro disco baixo o nome de Re-Vendetta(2019). Ese ano recibiron tamén o premio Maketón Cunha actitude sempre profesional e proactiva o dúo mantivo unha constante comunicación cos seus seguidores a través das redes e aproveitou as súas oportunidades de presentarse en directo para ir sumando máis, cunha posta en escena coidada e deseñada ata o detalle. A xira de Cuatro estaciones tiña moitas paradas aínda previstas o pasado ano, incluídas as de importantes festivais, que se viron truncadas pola pandemia. Desde o seu confinamento, que compartiron ambos, seguiron creando pezas alegóricas da situación que foron presentando en redes con videoclips sempre refrescantes. De aí saíron temas como Encerrados, No apareces e este pasado Nadal a canción Volveremos a brindar que xa non chegarán a formar parte dun futuro disco longo. Esta despedida ten tamén o seu propio tema e con ela veñen de facer pública a canción Quiero respirar, na que teñen a participación da voz da artista mexicana Pau Sotomayor. Con ela Presumido saen da escena musical coa mesma virtuosidade, elegancia e sentimento co que estivo marcado o seu percorrer estes anos, deixando feito un magnífico repertorio cheo de himnos, sensibilidade e música de baile sobre o que sempre pagará a pena voltar.