Chega o 'Inverno' e Presumido ocupan o trono do electropop

O dúo presentan hoxe o primeiro EP do proxecto autoeditado 'Cuatro estaciones'

Presumido
Presumido
Despois de pasar polo seu particular "xogo de tronos" o dúo Presumido presenta hoxe Inverno, coincidindo dun xeito nada casual coa entrada deste tempo. Tarci Ávila e Nacho Dafonte comezaban o 2018 co recoñecemento da crítica nacional ao seu disco de Vendetta (Music Bus) figurando en importantes listas das publicacións especializadas, pero ese impulso inicial non se correspondeu despois, segundo o grupo, co interese que o seu selo musical puña no seu traballo e levounos a un abrupto divorcio coa súa compañía e iniciar un complicado camiño de autoxestión do que foron gañando batalla tras batalla, non sen esforzo e risco. O resultado do seu proceso creativo independente e das súas batallas gañadas poderá comprobarse hoxe na sala la Fábrica de Chocolate de Vigo onde presentan ás 21:30 Invierno, o primeiro dos catro EPs que, con nome estacionario, conformarán a final de ano o proxecto Cuatro estaciones. Pop electrónico moi intenso, de raíces internacionais (Moderat, Massive Attack, Daft Punk, Kraftwerk...) con toques de artistas irreverentes como Björk ou Aphex Twin, conseguindo un estilo propio cheo de melodía, intensidade e escuridade. Xa está dispoñible o vídeo do tema de lanzamento El Rey azotado onde deixan ver o estilo intimista e potente que os define. Presumido tamén comezan a aparecer nos carteis dos festivais de verán, como é o caso do Portamérica pero para o directo aínda non teñen datas en terras galegas despois desta presentación.