Os Premios de Teatro María Casares adían a súa edición 2021

Os Mestre Mateo do audiovisual prevén celebrar a súa gala o 27 de febreiro

A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) anunciaba esta 18 de xaneiro que acordou adiar a celebración dos XXV Premios de Teatro María Casares. A organización toma esta decisión "ante a incerta perspectiva de poder desenvolver con garantías o normal funcionamento do certame e a súa entrega, así como dos necesarios preparativos para a mesma".


Segundo explica a AAAG nun comunicado "a evolución epidemiolóxica, as restricións sanitarias ao respecto de mobilidade e aforos, as suspensións e adiamentos que alteraron a programación teatral de 2020 e que, presumiblemente, seguirán a afectar neste 2021 dificultan, por unha banda, que o censo de votantes dos galardóns poida acceder aos espectáculos estreados en 2020 para emitir o seu voto, e pola outra, imposibilitan a preparación dunha gala" que se desenvolve habitualmente en datas próximas ao 27 de marzo, Día Mundial do Teatro. A asociación sinala que traballará para realizar a convocatoria da xeira deste ano a atender á evolución da pandemia.

A Academia Galega do Audiovisual, no entanto, mantén a celebración dos XIX Premios Mestre Mateo. O web da entidade ten xa abertas as votacións para escoller as candidaturas finalistas a estes galardóns, que se darán a coñecer o vindeiro 1 de febreiro. Para o 27 de febreiro celebrarase a gala na que se proclamarán os gañadores. O Teatro Colón da Coruña acollerá este evento, que conducirán Tito Asorey e Lucía Veiga e que contará con guión de Manolo Cortés.