Sucédense as cancelacións de entroidos pola situación sanitaria

Algunhas localidades propoñen celebracións en liña e sen aglomeracións

Chantada, Xinzo de Limia, Viana do Bolo, Laza, Amoeiro Ourense, A Coruña, Pontevedra, Ribadavia, Covelo... As limitacións de encontros sociais e a evolución da pandemia de Covid-19 están a provocar nas últimas xornadas un aluvión de cancelacións das festas de Entroido previstas por todo o país. Son moitos os concellos que anunciaron que non se desenvolverán estas celebracións que terían os seus días grandes entre o 13 e o 16 de febreiro próximos para evitar aglomeracións.

Nalgúns casos anunciáronse eventos alternativos que permitan manter dalgún xeito a festa sen pór en risco a saúde. En Pontevedra, por exemplo, a figura do loro Ravachol estará presente aínda que non se fará a súa tradicional queima nin haberá desfiles nin comparsas. En Viana o colectivo Fulión Alternativo chama a se disfrazar para desenvolver as tarefas cotiás, a celebrar na casa dentro de grupos de convivintes, a encher os balcóns con representacións dos tradicionais lardeiros ou a facer desde estes espazos o popular folión. Na Coruña pola súa banda cancelaron todas as actividades públicas e anuncia a celebración de concursos de disfraces a domicilio vía web e unha exposición fotográfica que recolla a tradición local.