Oito representacións teatrais en liña para o Nadal

A Deputación de Pontevedra prepara un programa de teatro adulto e infantil para ver desde a casa

'O mel non caduca' de Ibuprofeno Teatro será unha das obras a emitir
'O mel non caduca' de Ibuprofeno Teatro será unha das obras a emitir
Como parte do apoio ao sector cultural a Deputación provincial de Pontevedra ven de converter o seu programa de representacións teatrais ”Prendendo butacas" a un formato para ver en liña a través da súa web, "Prendendo butacas na casa". Desde o 24 de decembro ao 3 de xaneiro irán publicándose no sitio oficial da deputación oito espectáculos pre-gravados, cun calendario de emisións concreto, dispoñibles cada un para verse durante 24 horas en aberto. A presidenta do ente provincial, Carmela Silva, destacou o compromiso coas compañías e as persoas profesionais do teatro, cas que había datas acordadas desde hai meses. "Había que estar con elas nestes momentos en que tanto o precisan", afirmou.

O programa comeza o 24 de decembro coa representación da obra Rosalía a cargo da compañía Cooperactiva. No día de Nadal, 25 de decembro, estará dispoñible a obra Camiños, de ButacaZero. O día 26 será a quenda de Ibuprofeno Teatro, que representará O mel non caduca. Xa o 27 de decembro poderá verse a obra Afterparty, da compañía A Feroz. O teatro volverá o día 30 de decembro con Fíos, a cargo de Baobab Teatro. A xornada da Noitevella está reservada para A maleta de Don Attilio, de Viravolta Títeres. O 2 de xaneiro chegará A galiña azul, de Tanxarina Títeres. E finalmente, o 3 de xaneiro pecha o ciclo con Os tres porquiños, en representación a cargo de EducaTeatro Producións.